Villaverde cualifica de “nada satisfactorio” os TAC e cotas acordados en Bruxelas e alerta do impacto socioeconómico para a frota galega

A responsable autonómica alerta de que, a falta de analizar con detalle o documento definitivo, os recortes aprobados “supoñen un novo golpe para a frota” e critica o enfoque “medioambientalista" aplicado pola Comisión, que ignorou os informes socioeconómicos

Bruxelas, 13 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, fixo hoxe unha primeira valoración do resultado final das negociacións europeas de TAC e cotas para 2026, que concluíron de madrugada en Bruxelas, advertindo de que os recortes aprobados “son datos nada satisfactorios para Galicia e supoñen un novo golpe para unha parte importante da nosa frota”.

Villaverde explicou que as cifras dos documentos definitivos están sendo analizadas en profundidade polo equipo técnico da Consellería para avaliar con precisión o seu impacto sobre os diferentes segmentos da frota galega. “Temos que sentarnos, ver ben os números e comprobar se hai algún mecanismo que poidamos activar desde Galicia para incrementar as posibilidades de pesca e aliviar os efectos destes recortes”, sinalou.

A titular de Mar lembrou que Galicia aportou informes socioeconómicos detallados que evidencian a gravidade para o emprego e para a viabilidade das empresas destas reducións tan acusadas das posibilidades de pesca, especialmente no caso da xarda, e mostrou a súa decepción porque “unha vez máis, a Comisión prima a sostibilidade biolóxica sen ter en conta a sustentabilidade socioeconómica, que é igualmente esencial”.

Nesta liña, a responsable autonómica lamentou que o recorte do 70 % na xarda finalmente se mantivese, malia a forte oposición de Galicia e aos datos achegados polo sector e pola propia Xunta. “A Comisión dá por boa a proposta máis restritiva do ICES e non incorpora a visión socioeconómica, polo que o TAC para o 2026 limitaríase ao 30 % do actual”, explicou. Ademais, aclarou que ao non existir acordo definitivo aplicaríase un TAC provisional do 90 % da cantidade anual para o primero semestre do ano

A respecto doutras especies relevantes para Galicia, Villaverde sinalou que tamén se produciron axustes que poden afectar a diferentes segmentos da frota. Así, no abadexo, a proposta inicial do ICES contemplaba unha redución do 26 %. Os primeiros datos apuntan a que o recorte sería do 18 %, pero podería quedar no 13 %, aínda pendente de confirmación oficial. Por outro lado, no lirio, mantense a redución prevista do 40 %, sen grandes trocos con respecto á proposta inicial.

A conselleira reiterou que Galicia seguirá analizando toda a documentación final para determinar o alcance exacto das decisións adoptadas, especialmente no que atinxe a frotas de arrastre, cerco e artes menores. Villaverde insistiu en que, unha vez confirmadas as cifras e avaliado o seu impacto, a Consellería do Mar estudará medidas que permitan apoiar ao sector e minimizar a afectación destas reducións. “Estamos en contacto permanente co sector e seguiremos atentos a calquera troco, ata que todos os pormenores do acordo estean por escrito. O noso obxectivo é protexer a actividade, o emprego e o futuro das nosas frotas”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/12/2025