A Xunta amosa as capacidades en supercomputación e cuántica ao Ministerio para a Transformación Dixital

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visita o Cesga coa directora xeral de Intelixencia Artificial do Goberno Central, Aleida Alcaide

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, amosoulle esta mañá á directora xeral de Intelixencia Artificial, Aleida Alcaide, do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública as capacidades do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Unviersidades e FP destacou a forte expansión que está a vivir o centro, no marco da aposta da Xunta de Galicia por tecnoloxías como a cuántica, a supercomputación e a intelixencia artificial polo seu potencial transformador do tecido produtivo e social e no avance da I+G+i. 

En concreto, o Cesga está a acometer unha ampliación das súas infraestruturas cun investimento de 56 millóns de euros procedentes de fondos europeos e fondos propios da Xunta de Galicia. Este investimento inclúe a construción dun novo edificio no polígono compostelán da Sionlla, a adquisición dun novo supercomputador, o Finisterrae IV, un novo sistema de almacenamento e a compra dun novo ordenador cuántico, que acaba de ser adxudicado.

Ademais, a candidatura do Cesga a albergar unha das 19 factorías europeas de IA acaba de ser aprobada cun investimento de 82 millóns de euros, un 50% procedentes de Europa e o outro 50% estatal e galego. Esta fábrica de IA estará centrada no ámbito da saúde baixo o nome 1HealthAI e, grazas a ela, adquiriranse un novo supercomputador específico para intelixencia artificial e unha plataforma de supercomputación avanzada optimizada para IA experimental e prestará servizos de apoio integral a empresas e centros de investigación de xeito gratuíto.

Posicionamento de Galicia en tecnoloxías cuánticas

Carmen Cotelo, por outra banda, tamén interveu esta mañá na II Conferencia Internacional de Cuántica Empresa, organizada por Fujitsu en colaboración co Cesga e a Xunta de Galicia. Na súa ponencia explicou a aposta de Galicia polas tecnoloxías cuánticas,  que aspira a situarse como un referente no horizonte de 2030. Ademais, expuxo a folla de ruta para acadar este posicionamento, facendo fincapé nos fitos que se lograron en 2025 como a adhesión ao Ano internacional da ciencia e da tecnoloxía cuántica 2025, o liderado do proxecto Quorum Spain (Ecosistema de innovación en tecnoloxías cuánticas) ou a concesión da participación galega no Centro europeo de excelencia en cuántica (QEX).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2025