Villaverde destaca o papel estratéxico do Cetmar para impulsar a innovación marítimo-pesqueira

O padroado da Fundación aprobou o Plan de Actuación e os orzamentos para 2026

Reforzarase a cooperación internacional, a transferencia tecnolóxica e o apoio ao sector

Vigo, 18 de decembro do 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu hoxe en Vigo a reunión ordinaria do Padroado do Centro Tecnolóxico do Mar-Cetmar, entidade de referencia en investigación aplicada e apoio técnico ao sector marítimo-pesqueiro galego. A responsable autonómica salientou o papel clave do centro na transferencia de coñecemento e na colaboración con empresas, confrarías, universidades e organismos internacionais, contribuíndo a mellorar a competitividade do sector e a sostibilidade dos recursos mariños.

Villaverde puxo en valor o traballo do persoal técnico especializado de Cetmar e recoñeceu o esforzo da fundación á hora de captar financiamento europeo e desenvolver proxectos innovadores "que repercuten directamente no futuro da nosa frota e da industria ligada ao mar". Durante a sesión, aprobouse o Plan de actuación e os orzamentos para 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2025