A Xunta destina 3,2 millóns de euros a mellorar 62 centros de protección á infancia e á adolescencia

Son recursos das catro provincias que xestionan entidades sociais pertencentes á Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia (POIG) e á Asociación Galega de Centros de Menores (Agaceme)

Financiaranse obras de acondicionamento, a adquisición de bens de equipamento e a compra de vehículos eficientes

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2025

A Consellería de Política Social e Igualdade asinou esta semana dous convenios de colaboración con dúas organizacións que traballan no ámbito da protección de nenos e adolescentes: a Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia (POIG) e a Asociación Galega de Centros de Menores (Agaceme).

O montante destes acordos suma 3,2 millóns de euros, que se investirán na mellora dun total de 62 recursos do sistema autonómico de protección de menores situados nas catro provincias galegas. Son centros que están ao cargo de entidades sociais adheridas a estas dúas organizacións. Estes investimentos permitirán aumentar a confortabilidade e a eficiencia destes recursos residenciais.

En concreto, a Xunta destina 1,9 millóns de euros a actuacións en 46 centros que están xestionados por entidades sociais pertencentes á POIG e outros 1,2 millóns de euros para 16 centros que están xestionados por entidades sociais asociadas a Agaceme. A través destes fondos subvencionaranse obras de acondicionamento dos centros, a adquisición e mellora de bens de equipamento e a compra de vehículos eficientes.

A Xunta enmarca estes convenios, financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (NextGenerationEU), na mellora da rede de centros e recursos dirixidos a menores que atopan baixo a responsabilidade e tutela da Administración autonómica.

Data de actualización: 20/12/2025