O Consello Galego de Pesca reclama solucións para a pesquería da xarda, o lirio e o abadexo

Xunta e sector plantexan outras medidas como pedir un incremento de porcentaxes de bocarte ou sardiña

A conselleira do Mar presidiu a reunión deste órgano, convocado para artellar “unha fronte común que permita que a frota poida seguir traballando”

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025

O Consello Galego de Pesca reclama solucións tras a negociación dos TACs e cotas para as especies de especial preocupación para Galicia, como a xarda, o lirio e o abadexo, pois, en palabras da conselleira do Mar, Marta Villaverde, “son preocupantes e decepcionantes”.

A responsable autonómica presidiu a reunión deste órgano, que foi convocado con carácter extraordinario, precisamente, ante a desconformidade polas posibilidades de pesca establecidas, sen ter en conta os informes socioeconómicos presentados por Galicia tanto ao comisario europeo de Pesca e Océanos como ao propio ministro de Agricultura, Pesca e Alimención, e para artellar “unha fronte común que permita buscar solucións”, co fin de que “a frota poida seguir traballando”, afirmou Villaverde.

Para elo, a Consellería do Mar presentou un paquete de propostas como pedir que se manteña, como mínimo, para estas tres especies a mesma cota asignada a España en 2025, ao non ser causante, no caso da xarda e o lirio, dos factores de sobreexplotación, rexeitando calquera redución na asignación ata que se corrixa o consumo excesivo e irresponsable por parte de todos os terceiros países implicados. Neste senso, para estas dúas especies tamén se solicita aplicar a recente modificación de medidas destinadas á conservación das poboacións de peixes en relación cos países que autorizan unha pesca non sostible.

Neste  punto, considérase que España, en calidade de Estado membro e, por tanto, axente coas competencias directas na negociación, debe lograr un acordo de reparto das capturas baseado en criterios científicos fidedignos e antecedentes de pesca sostible, así como poñer en marcha unha avaliación diferenciada e resistirse a aceptar as asignacións de cota derivadas da sobrepesca unilateral.

No caso do abadexo, as medidas están dirixidas a unha modificación do sistema de avaliación científica, así como un cambio de especie accesoria a dirixida, ademais do establecemento dun TAC propio.

Na batería de propostas, tamén se inclúe o incremento das porcentaxes de cota da sardiña e bocarte, ademais da fixación doutras asignacións que afectan, en concepto de pesca fortuíta, ao atún vermello para os segmentos da frota galega, así como á pesca accesoria de bocarte para o xeito, racú e piobardeira e a marcaxe do 10 % de pesca accesoria para as embarcacións de cerco de reducido arqueo.

Dimensión dos  TAC

A xarda atópase ante unha asignación de cota provisional cun forte descenso do 70 % con respecto a 2025. Deste xeito, a redución proposta do TAC podería levar un impacto económico directo de entre 26,5 e 28,4 millóns de euros e un directo e indirecto de entre 37,1 e 39,7 millóns. Concretamente, a asignación provisional establece que, no primeiro semestre, só se poidan capturar 156.921 toneladas, das que a España lle corresponderían  5.907.

O lirio tamén sofre unha redución do 41 % respecto do 2025, e do 44 % fronte ao 2024. Este recorte supón que a frota galega so poderá pescar 22.272 toneladas no caladoiro nacional CNW e 33.049 toneladas en augas internacionais. A repercusión sobre o conxunto da economía produtiva implicaría unha merma da actividade que oscilaría entre os 5,4 e os 11,3 millóns de euros.

O abadexo tivo unha redución do 36% en 2025 e outra redución adicional do 18% de media para 2026 e 2027. Desde o punto de vista socioeconómico, esta cota representa un risco de estrangulamento que, de materializarse, podería oscilar entre os 1,7 millóns de euros para a frota de palangre e os 14,8 millóns se chegara a paralizar a actividade do conxunto das frotas afectadas.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/12/2025