A Xunta colaborou na mellora do local social de San Xusto de Cabarcos, en Barreiros
O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego achegou 11.500 euros á asociación de veciños San Pastor para acometer o revestimento do chan
Barreiros (Lugo), 22 de decembro de 2025
A Xunta colaborou coa asociación de veciños San Pastor para realizar unha obra de mellora no local social de San Xusto de Cabarcos, no municipio de Barreiros.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións para coñecer o resultado da actuación, que contou cunha achega de 11.500 euros a través da orde de axudas deste ano para cooperar coas comunidades veciñais.
Os traballos centráronse no revestimento do solo de cemento cun pavimento vinílico, o que mellora as condicións de illamento do inmoble. Tamén ofrece maior confort para realizar as actividades, en especial as clases de ximnasia de mantemento, nas que os participantes fan os exercicios nunha esterilla sobre o chan.
A agrupación San Pastor leva en funcionamento dende o ano 2001 e suma preto de 160 asociados. Ao longo do ano organizan un amplo programa de actividades, que inclúe encontros para fomentar a convivencia interxeracional, festas, excursións e iniciativas enfocadas ás persoas maiores, como ximnasia e talleres de memoria.
Arias destacou o papel que xogan as asociacións veciñais á hora de dinamizar a vida dos cidadáns e axudar á cohesión social, con especial relevancia nas zonas rurais. Apuntou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes respalda o seu labor a través dunha orde anual de axudas para realizar obras nos locais sociais e adquirir equipamento.
No conxunto da Mariña, nove colectivos de Barreiros, Alfoz, Mondoñedo, A Pontenova e Ribadeo resultaron beneficiarias de axudas por valor total de 84.500 euros a través da convocatoria de 2025.