María José Gómez anima aos concellos a adherirse ao convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias para contar co apoio da Xunta nestas tarefas

Os municipios interesados nesta iniciativa poderán sumarse a ela a partir do día 29 de decembro cando se publique o acordo no Diario Oficial de Galicia

Recordou que a prevención é unha “tarefa de todos”, compartida tanto por administracións como por titulares, que teñen dereitos, pero tamén obrigas 

O acordo acaba de asinarse co fin de poder comezar coas tarefas ao inicio de 2026 e presenta novidades destacadas como o aumento do orzamento, que se duplica ata chegar aos 25 millóns de euros ou o reforzo do apoio para municipios, especialmente para aqueles de menos de 10.000 habitantes, e particulares

Con este acordo tamén se ofrece axuda ás localidades para revisar, modificar e elaborar o plan municipal de prevención; así como para levar a cabo como ata agora limpezas en 12 quilómetros de vías e 10 hectáreas concello/ano

A conselleira incidiu en  que a prevención é unha prioridade para o Goberno autonómico, tal e como demostran o orzamento para o ano 2026, que aumenta nun 50 % ata chegar aos 75,38 millóns de euros

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, animou a todos os concellos de Galicia a adherirse ao convenio de xestión da biomasa nas faixas secundarias, co obxectivo de que poidan contar co apoio da Xunta para realizar estas tarefas. Así o destacou hoxe a titular deste departamento na presentación do novo acordo asinado con Seaga ata 2029 ante os alcaldes e alcaldesas galegos que tivo lugar no Monte do Gozo. Nesta xuntanza estivo acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; e a directora-xerente de Seaga, Luisa Piñeiro, que explicaron en detalle as actuacións previstas.

María José Gómez destacou as vantaxes que presenta este sistema e instou aos municipios adheridos ao abeiro do anterior convenio a que volvan facelo, ao tempo que alentou a sumarse a esta iniciativa aos que ata o de agora non formaron parte dela. Poderán facelo a partir do día 29 de decembro, cando o convenio sala publicado no Diario Oficial de Galicia.

A prevención é unha tarefa “de todos”, compartida tanto por administracións como por propietarios, que teñen dereitos, pero tamén obrigas, incidiu a conselleira. Neste contexto, concretou que o obxectivo deste convenio posto en marcha en colaboración coa empresa pública Seaga é apoiar a localidades e propietarios a desenvolver ditos deberes.

Este acordo, que acaba de asinarse co fin de poder comezar coas tarefas no inicio de 2026, presenta importantes novidades como o aumento do orzamento destinado a estas tarefas, que se duplica para chegar aos 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas, que conta con 10 millóns de euros por anualidade. 

Seguindo esta liña, reforzarase o apoio para municipios e particulares, especialmente naqueles concellos de menos de 10.000 habitantes, para facilitar que se cumpran as obrigas normativas.

Por outra banda, axilizaranse as execucións subsidiarias nas zonas de risco de incendio nas que os propietarios dos predios non cumpran cos seus deberes, tal e como se recolle na Lei de medidas dos orzamentos de 2026. Outra das novidades é o aumento do número de parroquias priorizadas, aquelas nas que os titulares poden contratar os servizos de Seaga a un custe reducido, que pasan de 157 en 2025 a 276 en 2026.

Outros servizos prestados ao abeiro deste convenio

Cabe sinalar que ao abeiro deste convenio tamén se lle presta apoio ás localidades para revisar, modificar e elaborar o plan municipal de prevención; así como colaboración para levar a cabo as inspeccións, e notificacións aos propietarios. A maiores, continuarase a ofrecer a posibilidade de que Seaga realice estas execucións en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Gómez asegurou que estes traballos, de xeito conxunto cunha maior concienciación cidadá, farán posible que Galicia estea mellor preparada ante os incendios forestais.

Así mesmo, lembrou que a Consellería do Medio Rural desenvolve este sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias dende o ano 2018, un acordo que, tal e como evidencian as cifras dos traballos levados a cabo ao seu abeiro, é “eficiente e eficaz”.

Ao longo dos anos adheríronse un total de 292 concellos de toda Galicia, 268 deles co plan de prevención aprobado. Dende o ano 2021 inspeccionáronse máis de 2,5 millóns de parcelas e realizáronse rozas de xeito subsidiario en máis de 6.500 predios. No eido das parroquias priorizadas, contratáronse os servizos de Seaga en máis de 27.200.

A prevención de incendios forestais como prioridade

A conselleira incidiu en  que a prevención é unha prioridade para o Goberno autonómico, tal e como demostran o orzamento para o ano 2026, que aumenta nun 50 % ata chegar aos 75,38 millóns de euros. Con este investimento lévanse a cabo traballos como a limpeza e a creación de cortalumes, pistas forestais, puntos de auga ou a realización de queimas prescritas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2025