A Xunta destina 500.000 á orde de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para 2026 a través da que o Goberno galego pretende mellorar as competencias dos profesionais do sector

As actividades subvencionadas inclúen os cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional e tamén se fomentan accións formativas relacionadas coa manipulación de mercadorías perigosas ou a mellora no coñecemento de idiomas, tanto por parte de profesionais do taxi como daqueles que realizan transportes internacionais

A Xunta leva investidos máis de 8,6M€ nestas axudas dirixidas a entidades colaboradoras da administración con representación no Comité Galego de Transporte por Estrada

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, dotada con 500.000 euros co obxectivo de mellorar as competencias e as habilidades técnicas dos profesionais que operan no sector.

Poderán ser beneficiarias das axudas, as entidades colaboradoras da administración en representación do sector profesional do transporte por estrada a través do Comité Galego de Transporte por Estrada. É dicir, asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan acreditada e recoñecida a súa representatividade no marco do sector profesional por resolución da Dirección Xeral de Mobilidade. A representatividade debe outorgarlles,  cando un menos, un 25% dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial en que desenvolvan a súa actividade ou, alternativamente, un 15%, no conxunto da comunidade. No caso de asociacións integradas en federacións ou de confederacións, poderán ser beneficiarias das axudas sempre que a súa representatividade conste definida na documentación achegada por federación ou confederación para acreditala.

As actividades formativas abranguen diferentes ámbitos, tales como a formación continua do persoal de condución, CAP, conselleiros de seguridade, a mellora no coñecemento de diferentes idiomas tanto por parte de profesionais do taxi como por todos aqueles que realizan transportes internacionais, o transporte de mercadorías perigosas ou perecedoiras e tempos de condución e descanso e, en xeral, no ámbito da xestión das empresas de transporte por estrada.

Para acceder ás axudas, as entidades deben presentar un plan formativo coa totalidade das accións que pretendan realizar en 2026 e dentro dos prazos de xustificacións previstos na orde. Teñen de prazo un mes desde mañá para presentar as súas solicitudes, que deberán enviar obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).

O investimento total destinado a estas axudas, incluíndo a convocatoria deste ano, ascende a 8,6 millóns de euros.  Só na convocatoria deste 2025, realizáronse 195 cursos subvencionados con máis de 2.800 alumnos. A meirande parte deles desenvolvéronse na Coruña, con 93 accións e 1.312 alumnos; seguida de Pontevedra, con 68 cursos e 978 alumnos; Ourense, con 19 cursos e 300 alumnos; e Lugo con 15 cursos e 234 alumnos.

O desenvolvemento destas actividades por parte das asociacións profesionais facilita a plena adaptación das accións formativas á evolución das necesidades dos profesionais, dando continuidade a unha liña de actuación que a Xunta vén desenvolvendo nestes últimos anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/12/2025