A Xunta inviste preto de 150.000 euros na mellora do centro de recuperación de fauna silvestre de Cerdedo-Cotobade
O delegado territorial visitou o avance das obras de construción dun novo edificio de dúas plantas que permitirá aumentar o espazo de almacenamento
Este ano o CRFS recibiu preto de 2.000 animais, a maioría aves rapaces e acuáticas
Cerdedo-Cotobade, 29 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) no concello de Cerdedo-Cotobade.
Alí o delegado comprobou o estado das obras de construción iniciadas en novembro dun novo edificio que servirá como almacén e no que a Xunta está a investir preto de 150.000 euros. Trátase dunha nova edificación de dúas plantas e preto de 125 metros cadrados co que se dá resposta ás necesidades partilladas polos funcionarios e funcionarias deste espazo. Ademais, a obra tamén contempla o acondicionamento dos espazos exteriores, dotándoos dun camiño pavimentado que comunique a zona de estacionamento co acceso ao módulo de recuperación.
Cabe destacar que o de Cerdedo-Cotobade é un centro de referencia en toda Galicia que durante este ano 2025 recibiu ata 2.000 animais, dos cales unha boa parte deles foron reintroducidos no seu medio natural. Neste sentido, a maior parte dos animais que ingresan nas instalacións do Centro de Recuperación de Fauna son aves que, tras recibir os coidados pertinentes, poden volver a vivir en liberdade. Este ano, máis de 440 aves foron devoltas ao seu hábitat.
Este centro nace dunha aposta importante da Xunta de Galicia polo coidado da fauna autóctona. Tanto é así que no ano 2018 se finalizou unha obra de máis de 470.000 euros que implicou a adecuación dun edificio xa existente, de 286,89 metros cadrados, no que se realiza a recepción dos animais e a atención veterinaria, e unha segunda edificación, de nova construción de 554,48 m2 para a posterior recuperación dos animais e a súa preparación para a devolución ao medio.
A segunda fase do proxecto foi executada por un importe de preto de 175.000 euros e finalizou en marzo de 2020. Esta segunda fase centrouse en cubrir a necesidade de atención para a completa recuperación de dous grupos de aves, as máis abundantes do centro: aves rapaces e acuáticas.