A Xunta licita por máis de 400.000 euros a redacción do proxecto básico e de execución da Fase 0.2 do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o día 2 de febreiro para presentar as súas ofertas

Esta fase engloba a reforma da unidade de diálise e a ampliación da unidade de reanimación, a unidade de probas funcionais de pneumoloxía e áreas de rehabilitación cardíaca e respiratoria ou a ampliación do ximnasio da unidade de lesionados medulares

Estas melloras e ampliacións realízanse aproveitando os espazos baleiros e que son relevantes desde o punto de vista asistencial

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025

A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra da Fase 0.2 do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, por un importe de 401.895 euros.

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o día 2 de febreiro para presentar as súas ofertas.

Esta fase engloba a reforma interna e ampliación da unidade de diálise e ampliación da unidade de reanimación na antiga UCI-A; a unidade de probas funcionais de pneumoloxía e áreas de rehabilitación cardíaca e respiratoria na antiga UCI-B e bloque cirúrxico, e a reforma de probas funcionais de pneumoloxía para ampliación de ximnasio da unidade de lesionados medulares, para un total de 2.475 metros cadrados. Estas melloras e ampliacións necesarias realizaranse aproveitando os espazos que quedaron baleiros e que son relevantes desde o punto de vista asistencial. Xunto con isto prevese dotar o hospital dunha nova resonancia magnética.

O prazo de execución previsto no contrato é de 1,5 meses desde a súa formalización para a redacción do proxecto básico; e para a redacción do proxecto básico e de execución, de 2 meses desde a aprobación do proxecto básico. En canto á dirección de obra, o seu prazo será o que resulte da oferta da adxudicataria da obra de construción, tendo en conta o tempo necesario para realizar os traballos de recepción, liquidación e prazo de garantía de obra.

A Consellería de Sanidade vén traballando na mellora e ampliación dos espazos actuais do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, de xeito paralelo á planificación, deseño e execución do Novo Chuac, que tamén está a impulsar a Xunta. Así, a denominada Fase 0 consiste na reforma interior do edificio. En xuño de 2024 finalizáronse as obras da Fase 0.1, que supuxeron un investimento de 13 millóns de euros, e agora a Consellería de Sanidade acaba de licitar a redacción do proxecto básico e de execución correspondente á Fase 0.2.

Mentres a Xunta segue a impulsar con determinación as obras do novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC, que é un proxecto absolutamente estratéxico e prioritario para o Executivo galego, concibido para garantir a mellor atención sanitaria na cidade da Coruña nos vindeiros 50 anos.

Esas obras avanzan a pleno rendemento, tendo en conta que se trata dunha actuación de enorme complexidade que implica realizar de forma simultánea expropiacións, accesos, aparcadoiros e a construción de novos edificios hospitalarios, tendo ademais que facer estes traballos de xeito compatible cunha intensa actividade asistencial.

O Novo CHUAC representa o maior investimento hospitalario que a Xunta está a acometer nestes momentos, cun orzamento global superior aos 500 millóns de euros.

Data de actualización: 29/12/2025