A Xunta publica o decreto de traspaso das Unidades de atención á drogodependencia ao Servizo Galego de Saúde

Trátase das unidades situadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa

Estas 13 unidades atenderon en 2024 máis de 7.100 pacientes en toda a comunidade galega

Desde a xornada de mañá, 1 de xaneiro, as Unidades de Atención á Drogodependencia pasarán a integrarse na rede sanitaria pública galega

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2025

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o decreto de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servizos, medios persoais e materiais da atención sanitaria prestada polas 13 unidades asistenciais de atención á drogodependencia (UAD), ata o de agora de titularidade municipal, e que pasan a estar integrarse no Servizo Galego de Saúde.

Deste xeito, as unidades situadas nos concellos de Burela, Cangas, Carballo, Monforte de Lemos, Noia, O Grove, O Porriño, Ourense, Pontevedra, Ribeira, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa pasan formar parte da rede sanitaria pública galega.

O obxectivo desta integración é optimizar a asistencia que prestan unhas unidades que no ano 2024 atenderon máis de 7.100 pacientes. Así, o  traspaso dos servizos, así como dos medios persoais e materiais, será efectivo a partir da xornada de mañá, 1 de xaneiro de 2026.

O decreto recolle o persoal que será obxecto de traspaso, o persoal funcionario de carreira e laboral fixo de categorías sanitarias, así como o que reúna a mesma condición de fixeza e pertenza a categorías de persoal non sanitario, sempre que desenvolva as súas tarefas na unidade asistencial de atención á drogodependencia a xornada completa.

En canto ás prazas vacantes, tamén establece dúas garantías. Por unha banda, o persoal temporal que estea a participar nun proceso de estabilización permanecerá ata a resolución do proceso de selección e, se o supera, traspasarase ao Servizo Galego de Saúde como funcionario de carreira ou persoal laboral fixo.

Por outro lado, os e as traballadores que estean a substituír un profesional que se traspasa permanecerán nas súas funcións ata a incorporación da persoa substituída ou ata a perda do dereito á reserva de praza ou, de ser o caso, ata a finalización do prazo establecido no contrato laboral ou no nomeamento.

O cadro de persoal que se vai traspasar compóñeno 95 prazas, das cales 25 están vacantes. Nelas inclúense profesionais de psicoloxía, de enfermería, de medicina, de psiquiatría, persoal auxiliar de clínica, de traballo social, de educación social e persoal auxiliar administrativo, entre outras categorías.

Unha vez efectuado o traspaso, desenvolverase o proceso de integración no réxime estatutario de tales profesionais. Esta opción de integración terá carácter voluntario. En canto non se desenvolva este proceso, os profesionais manterán as condicións laborais que tiñan ata agora.

O traspaso foi acordado nunha comisión mixta constituída por seis representantes da Xunta de Galicia (pertencentes ás consellerías de Sanidade e de Facenda e Administración Pública, ademais do Servizo Galego de Saúde), tres representantes da  Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e tres en representación das propias unidades.

Data de actualización: 31/12/2025