Belén do Campo presenta a concentración de preparación do campionato de Europa coa Selección Absoluta Feminina de Hockey Sala

A delegada da Xunta destacou que  se trata dunha cita deportiva de primeiro nivel que reforza o compromiso de Galicia co deporte feminino, coa súa proxección internacional e coa promoción de hábitos de vida saudables entre a mocidade

Coincidindo con este evento o sábado e o domingo tamén terá lugar o campionato galego  absoluto senior de primeira división masculina e feminina

A Coruña, 2 de xaneiro de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada por Roberto Baratta, presidente da Federación Galega de Hockey e vicepresidente da Real Federación Española de Hockey, presentou o Stage de Preparación do Campionato de Europa coa selección absoluta feminina de Hockey e o campionato galego absoluto senior que contan co apoio da Xunta. A representante do Goberno autonómico destacou que Galicia volverá situarse no mapa do deporte de alto nivel coa chegada da Selección Española Absoluta Feminina de Hockey Sala, que realizará na Coruña esta concentración e un torneo de preparación de cara ao EuroHockey Indoor Championship, que se disputará en Praga (República Checa) do 15 ao 18 de xaneiro de 2026.

Belén do Campo subliñou que este evento, que se celebrará no pavillón polideportivo universitario de Elviña do mércores 7 de xaneiro ao domingo 11 de xaneiro, é froito da colaboración entre a Federación Galega de Hockey, a Real Federación Española de Hockey e a Xunta de Galicia, co apoio do patrocinador principal, Banco Sabadell. Trátase dunha cita deportiva de primeiro nivel que reforza o compromiso de Galicia co deporte feminino, coa súa proxección internacional e coa promoción de hábitos de vida saudables entre a mocidade.

Durante a súa estancia na Coruña, a selección nacional feminina concentrarase para adestrar e disputar partidos amigables fronte a clubes da Coruña. Ademais, celebraranse actividades abertas á cidadanía, entre elas un clinic gratuíto para a xente nova, que permitirá ás novas xeracións achegarse ao hockey sala da man das mellores xogadoras do país.

Os partidos amigables confirmados da Selección Española son os seguintes o mércores 7 de xaneiro
20:00 h – España vs Athletic Coruña; o xoves 8 de xaneiro
20:00 h – España vs Hércules HC e o venres 9 de xaneiro ás 18:00 h – Clinic gratuíto coa Selección Española para a mocidade e ás 20:00 h – España vs Escola HC.

Belén do Campo tamén destacou que coincindo con este evento o sábado e o domingo tamén terá lugar o campionato galego  absoluto senior de primeira división masculina e feminina con 8 equipos masculinos e 6 femininos procedentes da Coruña, Vigo e Ourense para optar a prazas para o campionato nacional.

A representante do Goberno autonómico subliñou que estamos ante unhas citas deportivas máis importantes para os amantes do hockey coa presenza da élite nacional deste deporte e con actividades pensadas para que este práctica deportiva chegue a novos públicos.

Este stage, torneo internacional e campionato galego enmárcanse dentro do Programa de Impacto da Federación Galega de Hockey, con obxectivos claros que compartimos desde a Xunta de Galicia: a celebración dun torneo de máximo nivel internacional na cidade, cun retorno económico considerable para a hostalería e outros sectores; a promoción do hockey herba e sala entre a poboación; a dinamización da Coruña como destino deportivo e turístico; e a formación e tecnificación de xogadoras, xogadores e persoal técnico galego.

Belén do Campo subliñou que “desde a Xunta de Galicia seguiremos apoiando iniciativas coma esta, que combinan excelencia deportiva, promoción do deporte feminino e retorno social e económico para Galicia”.

Asimesmo, puxo en valor a colaboración do Goberno galego con Federación Galega de Hockey, a través dun convenio por un importe de case 70.000 euros, e informou que no 2025 esta disciplina contou en Galicia con 808  licencias de deportistas das cales 552 son masculinas e 256 femininas e 15 clubs con actividade competitiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/01/2026