A Xunta prevé rematar en abril a ampliación do IES Aquis Celenis de Caldas tras investir máis de 5,3 M€
O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visita o centro para supervisar o desenvolvemento da intervención
“Esta é a obra de ampliación de maior envergadura que estamos acometendo nun centro de ensino neste momento en Galicia”, destaca Román Rodríguez
A obra, que inclúe unha completa rehabilitación que tamén mellorará a eficiencia enerxética, permitirá incrementar o número de prazas e dar máis oportunidades
No marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica o Goberno galego inviste máis de 5,8 M€ en obras en centros de Caldas
Neste momento está a realizar a rehabilitación do Colexio San Clemente de Cesar e vén de rematar a ampliación do comedor do Plurilingüe Alfonso VII
Caldas de Reis (Pontevedra), 2 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou hoxe o Instituto Aquis Celenis, en Caldas de Reis, onde supervisou a ampliación do centro, na que o seu departamento está a investir máis de 5,3 M€.
“Esta é a obra de ampliación de maior envergadura que estamos acometendo nun centro de ensino neste momento en Galicia”, destacou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, que destacou que se trata dunha obra complexa, cun prazo de execución de 16 meses. Neste momento a intervención está executada ao 70% e agárdase o seu remate para o mes de abril, dentro do curso 2025/26, tal e como estaba previsto.
O conselleiro lembrou que esta obra vén dar resposta á necesidade de máis prazas en Caldas de Reis. “Esta é, precisamente, unha das finalidades que atendemos co Plan de nova arquitectura pedagóxica, ampliar espazos e oportunidades alí onde existen novas necesidades de escolarización”, afirmou Román Rodríguez. “A maiores, realizamos unha completa rehabilitación do centro, que ten unha antigüidade de case 40 anos e precisaba unha modernización para axustarse ao ensino do século XXI e aos novos requirimentos de eficiencia enerxética”, detallou.
Máis aulas de ESO e Bacharelato e novo ximnasio
No referido á ampliación, estase a realizar en vertical, engadindo unha nova altura ao edificio. O obxectivo é crear novas aulas para ESO e Bacharelato e adaptar o centro ás recomendacións de espazos flexibles e polivalentes maiores, ampliándoo polo lateral para crear un novo ximnasio de 223,8 m² e un porche cuberto. Como consecuencia da ampliación tamén se coloca unha nova cuberta de panel sándwich de 3.059 m².
Cambio de 370 fiestras e 979 luminarias
No que atinxe á eficiencia enerxética, que inclúe o edificio existente, renóvase a envolvente para mellorar a súa eficiencia, aplicando illamento térmico tipo SATE en 3.874 m² de fachadas e colocando 370 fiestras e 12 portas novas. No interior instálanse 979 luminarias led. A maiores, colócanse 42 módulos de paneis fotovoltaicos paneis fotovoltaicos de 540 W na cuberta do bloque norte.
Ademais, entre outras intervencións, mellóranse as instalacións de electricidade, protección contra incendios, de ventilación e o sistema de calefacción. No novo andar instálase un sistema de xeotermia, mediante unha bomba de calor e pozos xeotérmicos, mentres que para o resto se cambia a caldeira de gasóleo por unha de pellets.
Melloras no Colexio San Clemente de Cesar
No marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica o Goberno galego inviste máis de 5,8 M€ en obras en centros de Caldas de Reis. Ademais desta obra, a Consellería ten tamén en execución neste momento a mellora da eficiencia enerxética do Colexio San Clemente de Cesar, cun orzamento de máis de 410.000 €. A actuación inclúe o illamento térmico da fachada mediante o recheo da cámara de aire con perlas de EPS, a substitución da cuberta actual por unha nova de panel sándwich de poliuretano, así como o illamento do baixo cuberta e do falso teito do comedor con la de roca. Tamén se renovan as fiestras, maioritariamente no primeiro andar, colocando unhas novas con caixas de persiana compactas e lamas illadas con poliuretano.
Xa no interior, múdanse os falsos teitos da primeira planta e do aseo de profesores da baixa por uns acústicos rexistrables, instálanse luminarias LED con detectores de movemento, así como unha bomba de calor aerotérmica no comedor. A maiores, refórmanse os aseos de profesores, realízanse traballos de pintura e de pulido do pavimento, colócase un tabique móbil acústico entre a biblioteca e a aula contigua e esmáltase a estrutura metálica do soportal entre o edificio principal e o comedor.
Novo comedor no CPI Alfonso VII
Neste concello vén tamén de habilitarse un novo comedor nos antigos vestiarios do ximnasio do Centro Público Integrado Plurilingüe Alfonso VII co obxectivo de duplicar a súa capacidade, chegando a un total de 80 comensais.
As obras, que contaronn cun investimento de preto de 50.000€ por parte da Xunta, consistiron na demolición das instalacións anteriores, executando un novo chan, tabiques e luminarias. Tamén se renovaron as instalacións eléctrica, de fontanería e saneamento e acondicionáronse dúas ramplas para sexa totalmente accesible. A actuación completouse coa instalación de mesado, encimeira, lavabos e outro equipamento.