O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os requisitos para obter estas achegas
A Xunta convoca axudas para fillas e fillos de vítimas mortais de violencia de xénero, así como para mulleres que resultasen gravemente feridas
Estas indemnizacións poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro día 1 de decembro de 2026
A contía máxima da achega será de 10.000 euros e está dirixida a sufragar gastos de traslado, funerais ou de hospitalización, entre outros
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases que regulan a concesión de indemnizacións económicas ás fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, así como a mulleres que resultasen gravemente feridas como consecuencia dunha agresión por violencia de xénero. Estas axudas enmárcanse no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e seu orzamento inicial é de 70.000 euros, ampliable se é necesario.
Estas axudas están destinadas a sufragar os gastos de traslado, repatriación, funeral, inhumación ou incineración das vítimas mortais por violencia de xénero e, de ser o caso, das fillas e fillos das vítimas falecidos como consecuencia da violencia de xénero. Tamén están dirixidas ás mulleres que resultasen gravemente feridas, con lesións que requiran hospitalización, como consecuencia dunha agresión.
O importe máximo da axuda será de 10.000 euros. O prazo de solicitude comezará mañá e rematará o vindeiro 1 de decembro de 2026. Estas presentaranse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda que, opcionalmente tamén se poderá facer de maneira presencial por rexistro.