Medio Rural destina 1,5 M€ ás axudas para a conservación da contorna paisaxística e loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra
Os beneficiarios destas achegas poden ser aquelas persoas viticulturas da zona inscritas no Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que, co cultivo da vide, contribúen á súa singularidade paisaxística
A contía individualizada será, como máximo, de 1.000 e de 2.000 euros por hectárea segundo o tipo de cultivo, en función de se é mecanizado ou non mecanizado respectivamente
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a segunda convocatoria das axudas da Consellería do Medio Rural destinadas á conservación paisaxística e á loita contra a erosión dos viñedos da Ribeira Sacra, dotada con algo máis de 1,5 millóns de euros financiados integramente con fondos propios do Goberno galego.
As achegas están destinadas a poñer en valor o labor que desenvolven as persoas viticultoras inscritas na Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra e que colaboran, co seu cultivo, á conservación desta contorna de cara a evitar o abandono e a desaparición dos socalcos. Ao tempo, esta zona goza dun atractivo turístico en crecemento, o que contribúe á súa candidatura a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Os viticultores no ámbito da DO Ribeira Sacra que estean inscritos nos rexistros do Consello Regulador poderán beneficiarse destas axudas. A contía individualizada será, como máximo, de 2.000 euros por hectárea para o sistema de cultivo tipo 1, aquel que se realiza en zonas con socalcos de pedra de xeito non mecanizado; e de 1.000 euros por hectárea para o sistema de cultivo tipo 2, que se leva a cabo de forma mecanizada. Para realizar o cálculo do importe terase en conta a superficie de viñedo inscrita e, en todo caso, non se concederán achegas superiores aos 50.000 euros por persoa beneficiaria.
No territorio da Ribeira Sacra o sector vitivinícola é un motor económico fundamental, con cultivo de viñedo en zonas en muras de pedra e socalcos, con sistemas produtivos moi eficientes que determinan o mantemento dunha cultura agraria propia e que favorecen o asentamento de poboación e proxección de futuro para as xeracións máis novas.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260107/AnuncioO90-171225-0001_gl.html