A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe o centro educativo co alcalde, José Luis Fernández

A Xunta destinará 30.000 euros a cubrir o patio exterior e a dotar dun almacén á escola infantil pública autonómica de Carral

Este investimento forma parte dun novo programa de intervencións en 14 escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destinará preto de 1M€

Fabiola García lembra que Galicia acadou en 2025, por terceiro ano consecutivo, a ratio de escolarización infantil máis alta do país, con case un 65%

Carral (A Coruña), 11 de xaneiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Carral, José Luis Fernández, visitaron esta mañá a escola infantil pública autonómica de Carral para anunciar un investimento da Xunta de preto de 30.000 euros que permitirá mellorar os servizos e a atención que se ofrece neste centro.

Os traballos que se realizarán na escola incluirán a construción dun almacén e a cubrición do patio posterior, o que conectará a cuberta do patio existente na actualidade co almacén proxectado, cubrindo a zona na súa totalidade para que os nenos e as nenas poden usalo durante todo o ano.

Fabiola García enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas pioneiras como a gratuidade desta etapa educativa. Ao respecto, lembrou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil con case un 65%, situándose 15 puntos por riba da media nacional.

Melloras en escolas das redes autonómica e local

As melloras que se levarán a cabo neste centro forman parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destinará preto de 1M€.

Con estes fondos, procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT), acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento en 14 concellos  de toda Galicia. Serán os municipios os encargados de contratar e executar os traballos, que deberán estar rematados en decembro deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2026