Un total de 132 viticultores galegos benefícianse das axudas da Xunta para a reestruturación e reconversión do viñedo por máis de 3 M€
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de 2025, que permitirá actuar nunha superficie de 184,7 hectáreas
Estas achegas da Consellería do Medio Rural teñen como finalidade incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e avanzar na súa sustentabilidade
Entre 2018 e 2024 destináronse preto de 17 millóns de euros para 1.083 persoas beneficiarias no marco destas achegas, permitindo actuar en 1.518 hectáreas
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de 2025, con anualidade ata 2027, para as achegas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia. En total, son 132 persoas viticultoras beneficiadas para actuar en 184,7 hectáreas e cun investimento de máis de 3 millóns de euros, financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). Por provincias, a maioría dos expedientes aprobados son de solicitantes de Ourense, con 81; e de Pontevedra, con 39; os restantes son de Lugo, con 9; e da Coruña, con 3.
Estas achegas teñen un carácter estratéxico para a nosa comunidade e os seus principais obxectivos son os de incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo do viñedo ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable, ao tempo que se promove a remuda xeracional.
Así mesmo, con esta medida tamén se consegue a mellora das técnicas da xestión das viñas e reconversións varietais para optimizar a súa orientación ao mercado, adaptando as producións á demanda, ao mesmo tempo que se preservan as variedades da nosa comunidade. Deste xeito, aprovéitase a elevada calidade diferenciada da uva como vantaxe competitiva nun mercado cada vez máis globalizado.
Así mesmo, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións das persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres.
No período 2018-2024 destináronse preto de 17 millóns de euros para estas axudas, aprobando un total de 1.083 expedientes para actuar nunha superficie de 1.518 hectáreas. Este ano convocaranse novamente estas achegas cun orzamento de 4 millóns de euros.
Link á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260113/AnuncioG0426-151225-0002_gl.html