A Xunta convoca unha nova liña de achegas para mellorar servizos no rural e apoiar a fixación de poboación
Estas axudas, dotadas con 5 M€, teñen como obxectivo propiciar a revitalización do tecido produtivo e animar o asentamento de persoas en áreas rurais
Poderán beneficiarse todos os concellos de Galicia que desenvolven os seus proxectos en zonas rurais, agás aquelas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas segundo o IGE
Con estes fondos será posible acometer obras de mellora nas redes de alumeado público; así como executar construcións ou rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais ou instalacións deportivas, entre outras
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha novidosa convocatoria de axudas para a prestación de servizos básicos locais que propicien a revitalización do tecido produtivo e a fixación de poboación en áreas rurais, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Esta nova liña forma parte da decidida aposta da Xunta por impulsar a recuperación demográfica e a creación de condicións de vida de calidade no medio rural.
Poderán beneficiarse desta partida todos os concellos de Galicia que desenvolvan os seus proxectos en zonas rurais, a excepción daquelas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas segundo o seu grao de urbanización recollido polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Estas parroquias localízanse nas sete cidades galegas e nos concellos de Culleredo, Narón, Oleiros, Barbadás e Poio.
Estes fondos permitirán acometer diferentes actuacións para mellorar os servizos básicos nas zonas beneficiadas, como poden ser obras de mellora nas redes de alumeado público ou a execución de construción e a rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais e instalacións deportivas. Ademais, poderán restaurarse elementos patrimoniais e a súa contorna, no caso de ser necesario, e afondarase na mellora de servizos asistenciais e culturais.
Neste sentido, son subvencionables a construción, adquisición ou mellora de inmobles, terreos ou obras e maquinarias e bens de equipo necesario. Os proxectos beneficiados recibirán unha porcentaxe de subvención equivalente á totalidade dos gastos subvencionados, cunha axuda máxima de 100.000 euros.
Ligazón á convocatoria no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260113/AnuncioO90-221225-0001_gl.html