A Xunta actualiza e simplifica a tramitación para a obtención e renovación do selo ‘Mercado Excelente’ co gallo de acadar 25 espazos con este distintivo en 2030

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde que redefine os estándares desta certificación co obxecto de adaptala ás características dos distintos mercados de abastos galegos e ás novas tendencias de consumo

A acción realizouse en coordinación co sector no marco do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, que tamén abarca as axudas para impulsar este selo co que xa contan os mercados de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo

Esta folla de ruta autonómica inclúe outras accións como Prato de Mercado, que fomentará neste 2026 as sinerxías entre a gastronomía e as prazas de abastos co fin de reforzar o seu papel como escaparates do produto galego de calidade

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que actualiza e simplifica a tramitación para a obtención e renovación do selo Mercado Excelente co obxectivo de chegar aos 25 espazos con esta distinción en 2030. Trátase dunha redefinición enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e realizada en coordinación co sector co fin de atender as potencialidades dos mercados de abastos da Comunidade, buscando adaptar así o recoñecemento tanto ás características destas instalacións como ás novas tendencias de consumo.

Así, en concreto, revísase a ferramenta de avaliación pola que se regula o procedemento para a obtención do selo Mercado Excelente co obxectivo de promover a mellora progresiva da calidade ata acadar a condición de excelente, baseada na recuperación e potenciación das vantaxes, fortalezas e oportunidades específicas de cada un dos mercados e prazas de abastos de acordo coa súa capacidade para crear unha oferta aliñada co seu público obxectivo e en función do territorio no que estea emprazado. 

Así mesmo, incorpórase unha guía de boas prácticas que determina dunha forma obxectiva e verificable o grao dos valores a cubrir na ferramenta de avaliación, facilitando así a autoavaliación e servindo, ao mesmo tempo, de instrumento que pode ser empregado na diagnose da situación e usos do mercado, para determinar que aspectos deben ser mellorados para acadar a excelencia.

Rede de Mercados Excelentes

O obxectivo da Xunta é seguir fortalecendo e consolidando unha rede ao abeiro do selo Mercado Excelente, impulsado polo Goberno galego para recoñecer aquelas prazas de abastos que están a responder de xeito destacado aos retos de modernización e innovación que se lles presentan sen perder nin a súa autenticidade e tradición nin a súa proximidade e trato personalizado. O distintivo permite a estes espazos diferenciarse e identificarse coa calidade e o prestixio, potenciar a súa actividade comercial e incrementar o seu atractivo e interese turístico.

Poden solicitar o selo os concellos de Galicia, as entidades concesionarias da xestión das prazas de abastos e mercados e as asociacións ou cooperativas de persoas vendedoras das prazas de abastos e mercados legalmente constituídas. A distinción terá unha validez de catro anos, renovables a petición da entidade solicitante por períodos sucesivos de igual duración. 

Outras accións

Tamén ao abeiro do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, a Xunta reeditará este ano as axudas para a dinamización dos mercados e prazas de abastos e para impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes, coa que na actualidade contan os mercados de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo.

Esta planificación autonómica tamén inclúe outras accións para potenciar as prazas de abastos como Prato de Mercado, que fomentará neste 2026 as sinerxías entre a gastronomía e os mercados co fin de reforzar o seu papel como escaparates do produto galego de calidade, fresco e de proximidade. Outra iniciativa xa consolidada é Quere o teu Mercado e a isto únese a nova imaxe do Comercio Galego, unha marca distintiva coa que a Xunta busca enxalzar a identidade e excelencia dos comercios de proximidade.

Esta batería de accións forma parte do compromiso da Xunta cos mercados —preto de 100 en toda Galicia distribuídos en 76 municipios—, que desempeñan un papel clave para garantir a calidade da oferta comercial, o abastecemento de proximidade e a conexión directa co territorio.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260112/AnuncioG0767-171225-0002_gl.html

Data de actualización: 14/01/2026