A Xunta destaca a formación como ferramenta clave para garantir o relevo xeracional no sector pesqueiro galego

A conselleira do Mar visita na Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol un curso de Patrón Costeiro Polivalente na especialidade de Máquinas

O centro é un referente na formación marítimo-pesqueira, cunha ampla oferta que cada ano capacita a novos profesionais para a frota galega

Ferrol, 14 de xaneiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, para coñecer de primeira man o desenvolvemento do curso de Patrón Costeiro Polivalente, na especialidade de Máquinas, unha das titulacións profesionais con maior demanda no sector marítimo-pesqueiro galego.

Durante a visita, a titular de Mar puxo en valor a formación como unha ferramenta esencial para garantir o relevo xeracional, mellorar a seguridade a bordo e reforzar a profesionalización da frota. Neste sentido, salientou a importancia deste curso, que dota ao alumnado das competencias necesarias para asumir funcións de mando e responsabilidade técnica nos buques, respondendo ás necesidades reais do sector e facilitando a incorporación de novos profesionais á actividade pesqueira.

Villaverde destacou tamén o papel estratéxico da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol como centro de referencia en Galicia no ámbito da formación marítima. En cada curso académico benefícianse das diferentes accións formativas ao redor de 650 persoas, tanto das ensinanzas regradas como en titulacións profesionais e formación non regrada, cunha evolución nos últimos anos claramente positiva, o que evidencia o crecente interese pola formación vinculada ao sector pesqueiro. Ademais, preto de 475 persoas acoden a este centro a examinarse de titulacións náutico-deportivas, xestionando anualmente máis de mil expedientes.

A conselleira do Mar subliñou que estas cifras confirman a Galicia como un referente estatal na capacitación marítimo-pesqueira, grazas a unha oferta formativa ampla, adaptada ás esixencias normativas e ás demandas do sector. Un compromiso que se materializa no apoio da Consellería do Mar a estas ensinanzas, cun investimento este ano de 12,4 millóns de euros, co obxectivo de facilitar o acceso á profesión, mellorar a empregabilidade e asegurar a continuidade dun sector estratéxico para a economía e o emprego da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2026