A conselleira de Política Social e Igualdade visitou hoxe o centro educativo co alcalde, Álex Doval

Fabiola Garcia anuncia un investimento de 150.000 euros na mellora da escola infantil municipal de Oroso, que contará cun novo parque de xogos exterior

Este investimento forma parte dun novo programa de intervencións en 14 escolas infantís públicas de 0 a 3 anos de toda a comunidade, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destinará preto de 1 M€

A responsable autonómica lembra que Galicia acadou en 2025, por terceiro ano consecutivo, a ratio de escolarización infantil máis alta de España, con case un 65%

Oroso (A Coruña), 14 de xaneiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Oroso, Álex Doval, visitou esta mañá a escola infantil municipal de Oroso para anunciar un investimento da Xunta de 150.000 euros que permitirá mellorar os servizos e a atención que ofrece este centro. Na visita tamén participou o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez.

Os traballos afectarán tanto ao interior como ao exterior da escola e consistirán na reforma da instalación eléctrica, co fin de aumentar a eficiencia enerxética e mellorar a iluminación, e na renovación dos elementos de carpintería, como as portas e as ventas. Tamén se intervirá nas aulas, que se pintarán e nas que se cambiará o mobiliario e equipamento.

Así mesmo, con esta achega da Xunta dotarase ao centro dun novo parque infantil nas inmediacións, cunha área de xogos renovada e cun terreo adaptado e con zonas verdes.

Fabiola García sinalou que esta actuación é unha mostra máis do compromiso do Executivo autonómico co atención á infancia e o apoio á conciliación das familias. Así, destacou os investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos e medidas pioneiras como a gratuidade desta etapa educativa.

Neste sentido, puxo en valor que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa das súas crianzas, vaian a unha escola infantil da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. De feito, grazas ao programa da gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil con case un 65%, situándose 15 puntos por riba da media nacional.

Novos investimentos nas escolas 0-3 da Xunta e municipais

As melloras que se levarán a cabo neste centro de Oroso forman parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destinará preto de 1 M€.

Con estes fondos, acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento en escolas 0-3 de 14 concellos  de toda Galicia. Serán os municipios os encargados de contratar e executar os traballos, que deberán estar rematados en decembro deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2026