María José Gómez destaca as oportunidades de desenvolvemento do sector olivícola galego

A conselleira do Medio Rural visitou hoxe no concello de Castrelo de Miño as instalacións de Alma Meiga para a produción de aceite

En Galicia sobresae principalmente a produción de aceite de oliva virxe extra caracterizado principalmente pola súa calidade asociada ás variedades locais e autóctonas

Este mesmo ano iniciarase a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño Centro, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas

Castrelo de Miño (Ourense), 14 de xaneiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou hoxe, na súa visita ás instalacións de Alma Meiga para a elaboración de aceite en Castrelo de Miño, as oportunidades de desenvolvemento que ten o sector olivícola dentro da nosa comunidade.

Salientou que en Galicia sobresae principalmente a produción de aceite de oliva virxe extra caracterizado principalmente pola súa calidade asociada ás variedades locais e autóctonas, así como ao valor patrimonial da súa colleita.

Por iso, desde a Consellería do Medio Rural estase a traballar para favorecer o desenvolvemento das oliveiras autóctonas e, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participa en dúas iniciativas encamiñada a avanzar nesta liña. Este mesmo ano vaise iniciar a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, situada en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e tamén para continuar estudándoas.

En total empregaranse catro destas variedades autóctonas. Neste senso, todas as accións que se están a levar a cabo, xunto con outras necesarias, van encamiñadas á creación dunha indicación xeográfica protexida específica para o aceite galego.

Por outra banda, María José Gómez incidiu na importancia do traballo levado a cabo pola Xunta e o seu compromiso na posta en valor da Galicia Calidade que representan os produtos agroalimentarios que se elaboran na nosa comunidade. Neste sentido, animou aos consumidores a “apostar” á súa vez pola calidade agroalimentaria galega nos lineais dos supermercados, o que contribúe fomentar un consumo de proximidade e sostible. 

Produción na comarca do Ribeiro

Alma Meiga púxose en marcha hai sete anos agrupando a propietarios de terreos destinados ao cultivo de  oliveira, co obxecto de elaborar o seu propio aceite. A maiores, tamén brinda apoio a outros produtores da comarca do Ribeiro.

As súas elaboracións caracterízanse pola calidade e a aposta polas prácticas sustentables. Anualmente obteñen entre 750 e 800 litros de aceite anualmente, a través dos cales comercializan un monovarietal a base de arbequina e outro no que mesturan as variedades autóctonas de brava e mansa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/01/2026