A sede da Xunta en Lugo acollerá o 29 de xaneiro a proxección do documental ‘A mili no Sáhara’
Lugo, 15 de xaneiro de 2026
A sede da Xunta en Lugo acollerá o próximo día 29 de xaneiro a proxección do documental A mili no Sáhara, que promoven a Fundación e a Asociación Nacional de Veteranos do Sáhara. O acto foi presentado hoxe polo delegado territorial, Javier Arias, e o representante deste colectivo na provincia, Julio Méndez.
O evento comezará ás 19.00 horas, con entrada libre e gratuíta. O documental recolle testemuños e abundante material achegado polos mozos que cumpriron o servizo militar no Sáhara ata mediados dos anos 70.
As entidades convocantes impulsan tamén a exposición itinerante A mili no Sáhara, que hai uns meses recalou na Biblioteca Pública Provincial da man da Subdelegación de Defensa co apoio da Xunta. Ademais, manteñen unha completa páxina web que serve de punto de encontro para os veteranos e de crónica para as novas xeracións.