A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe as obras do futuro centro educativo co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo

A Xunta inviste máis de 400.000 euros na creación da nova escola infantil municipal das Pontellas do Porriño, que contará con 66 prazas gratuítas

A rehabilitación e ampliación do inmoble, que se sitúa nunha antiga escola unitaria, foi posible grazas a un investimento do Goberno galego de máis de 400.000 euros.

Fabiola García lembra que Galicia acadou en 2025, por terceiro ano consecutivo, a ratio de escolarización infantil 0-3 máis alta de España, con case un 65%

O Porriño (Pontevedra), 15 de xaneiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou esta mañá a que será a futura escola municipal das Pontellas, que contará con 66 prazas totalmente gratuítas e que comezará a funcionar o vindeiro curso. O novo centro educativo, que se sitúa nunha antiga escola unitaria, foi posible grazas a un investimento de Xunta de máis de 400.000 euros.

Nas obras de rehabilitación, procedeuse á ampliación do inmoble, que conserva a súa fachada orixinal, que contará con cinco aulas. Ademais, realizáronse actuacións en materia de eficiencia enerxética e illamento térmico.

Tras a visita, a conselleira felicitou ao Concello do Porriño “polo seu compromiso coas familias, coa conciliación e coa educación dos máis pequenos”, ademais de pola súa aposta pola colaboración estreito entre administracións. Neste sentido, explicou que esta escola infantil súmase a outro novo centro educativo 0-3 que se está construíndo no parque empresarial de Budiño, e que tamén conta coa achega da Xunta.

Fabiola García enmarcou a construción deste novo recurso educativo no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas pioneiras como a gratuidade desta etapa educativa. Ao respecto, lembrou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil con case un 65%, situándose 15 puntos por riba da media nacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2026