A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o titular de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron hoxe na inauguración do I Comité Federal de FeSMC UGT

A Xunta defende o consenso e o diálogo social fronte ao negacionismo industrial

“Preocúpanos a situación enerxética que vive España”, di Lorenzana, para remarcar que “á industria e á enerxía hai que tratalas como un todo porque as empresas hoxe en día non poden vivir sen enerxía barata” e sen acceso a unha rede de transporte eléctrico adecuada

González destaca que Galicia continúa avanzando na tramitación do decreto que permitirá institucionalizar o Diálogo Social como unha ferramenta esencial para acadar consensos entre todos os axentes sociais

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por que Administración, empresas e cidadanía traballen en equipo para xerar consensos fronte ao negacionismo industrial e a postura do non a todo. “Se todos seguimos remando dentro dese equipo imos poder construír unha Galicia máis moderna, con emprego de calidade e servizos sociais que se poidan seguir mantendo ao nivel en que se mantiveron os últimos anos”, manifestou.

Lorenzana, xunto ao conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe na inauguración do I Comité Federal de FeSMC-UGT, en Santiago, onde sinalou a importancia de que os galegos entendan o que está facendo a Xunta de Galicia en materia enerxética e industrial para “non perder ese tren”.

“Preocúpanos a situación enerxética que vive España”, abondou, para remarcar que “á industria e á enerxía hai que tratalas como un todo porque as empresas hoxe en día non poden vivir sen enerxía barata” e sen acceso a unha rede de transporte eléctrico adecuada.

A conselleira concluíu recoñecendo que “grazas ao diálogo social, Galicia está sendo quen de traballar con claridade nas necesidades que teñen as empresas e a industria para crear máis e mellor emprego, que estea mellor formado”. Neste contexto, indicou que o Goberno galego vai seguir traballando polo desenvolvemento económico de Galicia, por atraer novos proxectos, e polo mantemento de todas as empresas que están agora mesmo funcionando, para que poidan seguir crecendo e expandíndose.

Institucionalizar o Diálogo Social

Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou o papel fundamental que desenvolven organizacións como UGT na defensa dos dereitos das persoas traballadoras, actuando con responsabilidade e cunha firme vontade de diálogo e acordo. Nese sentido, subliñou que Galicia continúa avanzando na tramitación do decreto que permitirá institucionalizar o Diálogo Social como unha ferramenta esencial para acadar consensos entre todos os axentes sociais, non só no ámbito das relacións laborais —remarcou— senón tamén no conxunto da actividade económica.

O conselleiro explicou que este decreto permitirá reforzar o papel das mesas que xa integran o Diálogo Social, como a Mesa de Emprego —cos seus grupos de traballo en políticas activas de emprego e flexibilidade da formación, prevención de riscos laborais e absentismo laboral, e igualdade laboral— e a Mesa de Economía e Industria, que inclúe grupos de traballo nos ámbitos de industria e enerxía, naval e automoción.

Así mesmo, avanzou que ao longo deste ano se porá en marcha a Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial, que será deseñada cun enfoque centrado no benestar laboral, un elemento clave tanto para as empresas como para as persoas traballadoras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2026