María José Gómez pon en valor a colaboración entre universidades e administracións a prol do rural
A conselleira participou en Lugo na presentación da Cátedra Unesco Reservas de Biosfera Atlánticas, que tivo lugar no Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural-Ibader da USC
Salientou que iniciativas como esta “contribúen decisivamente” a acadar “un rural vivo, innovador e atractivo, no que a xente poida e queira quedar, vivir e emprender”
Lugo, 15 de xaneiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, defendeu este mediodía que o progreso no rural é mais factible dende a “colaboración leal” entre universidades e administracións, sabendo conxugar tradición e innovación. Foi na súa intervención durante a presentación da Cátedra Unesco Reservas de Biosfera Atlánticas, que tivo lugar no Instituto Universitario de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural-Ibader da USC situado en Lugo e na que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.
A conselleira salientou que iniciativas como esta cátedra “contribúen decisivamente” a acadar “un rural vivo, innovador e atractivo, no que a xente poida e queira quedar, vivir e emprender”. Un rural, trasladou, “que faga honra á Galicia Calidade, á nosa identidade, á nosa maneira de ser e de vivir”. E tamén un rural “que coida as súas contornas, a súa cultura e o seu patrimonio material e inmaterial, porque neles está tamén o noso futuro”. Por iso, felicitou ao Campus Terra da USC e ao Ibader polo seu traballo “rigoroso, comprometido e de enorme valor para a sociedade galega”.
Neste sentido, subliñou tamén que a colaboración entre estes organismos e a Xunta é moi boa, como o demostran os numerosos proxectos que se desenvolven para construír un rural cada vez máis moderno, máis sostible e plenamente acorde cos tempos que vivimos.
Na mesma liña, a conselleira destacou que esta cátedra traballa en ámbitos clave como a educación, as ciencias, a cultura e a comunicación, cunha atención especial á Rexión Bioxeográfica Atlántica e cunha clara dimensión internacional. E engadiu que, nun mundo no que todo está cada vez máis relacionado, esta visión aberta é fundamental para Galicia, porque permite colaborar con outros territorios, aprender doutras experiencias e amosar fóra o valor do noso patrimonio natural, cultural e humano, “sen deixar de ser quen somos”.
Educación, ciencias, cultura e comunicación
Esta cátedra, que foi aprobada pola Unesco en novembro de 2025, ten como finalidade abordar as catro áreas fundamentais da misión deste organismo da ONU: educación (cursos de especialización, apoio á educación formal); ciencias (biodiversidade, ciencias agrarias, desenvolvemento rural); cultura (patrimonio cultural material e inmaterial) e comunicación e Información (difusión, creación de bases de datos e implementación de mapas dixitais na web), no marco das Reservas da Biosfera e dentro das súas redes temáticas.
O ámbito territorial abrangue a Rexión Bioxeográfica Atlántica, impulsando a colaboración coas reservas de biosfera de África, América e Europa, promovendo o entendemento mutuo, a igualdade de xénero e un firme compromiso coas prácticas sostibles.