A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co rexedor ourensán

A Xunta e o Concello de Manzaneda avalían vías de colaboración para desenvolver distintas actuacións de abastecemento no municipio

O Goberno local remitirá ao Executivo galego memorias técnicas dos proxectos propostos para avaliar a posibilidade de apoialos técnica e economicamente

Ángeles Vázquez lembra que as entidades locais contarán este ano con varias liñas de axudas para a mellora das infraestruturas e servizos relacionados coa xestión da auga así como para a conservación de espazos naturais da Rede Natura 2000

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026

A Xunta e o Concello de Manzaneda analizan vías de colaboración para o desenvolvemento de distintas actuacións de mellora das infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga neste municipio ourensán, así como a posibilidade de realizar accións de restauración forestal e ambiental en espazos da Rede Natura 2000.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o rexedor, Pedro Yáñez, mantiveron hoxe unha reunión na que abordaron a pretensión do Goberno local de construír un depósito de abastecemento de auga co fin de aumentar a capacidade de subministración á veciñanza e poñer fin así a certos episodios de restricións de auga que se producen durante os meses de verán.

A maiores, o Concello quere renovar un tramo de arredor de 300 metros lineais de tubaxe das redes de abastecemento e saneamento nun pequeno núcleo de poboación do municipio. En ambos casos, o Executivo local quedou de remitir unha memoria técnica ao Goberno galego co fin de avaliar as posibilidades de colaboración.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, trasladoulle ao rexedor que o municipio tamén ten a posibilidade de recorrer ás distintas axudas que vai lanzar este ano o organismo de conca autonómico para apoiar ás entidades locais na mellora das súas infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración.

O alcalde tamén expuxo o interese do Concello en desenvolver accións de restauración forestal e ambiental en Cabeza de Manzaneda, nunha área pertencente á Rede Natura 2000. Neste sentido, a conselleira trasladoulle que proximamente vai saír publicada no Diario Oficial de Galicia a orde de achegas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que ten como obxectivo apoiar, entre outros, proxectos de conservación e protección de espazos da Rede Natura 2000.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2026