A Xunta abre as solicitudes para presentar proxectos de estadías formativas no marco do programa ‘Fórmate na empresa’

As subvencións están destinadas a entidades privadas sen ánimo de lucro, concellos e organismos dependentes destes, hoxe

As axudas, cun orzamento total de 1,8 M€, contemplan un importe máximo de 100.000€ por cada iniciativa e inclúen bolsas de 690€ ao mes para os participantes

Nas propostas poden participar persoas de entre 18 e 30 anos inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e empadroadas na Comunidade

Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia o prazo remata o 16 de febreiro

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia abre unha nova convocatoria para facilitarlle á mocidade a ampliación da súa formación práctica a través do programa Fórmate na empresa, que incentiva que a xuventude teña a súa primeira oportunidade laboral e que conta cun orzamento de 1,8 M€.

Así, o Diario Oficial de Galicia publicou as bases destas subvencións para estadías en empresas ou entidades públicas e privadas vencelladas con sectores económicos estratéxicos para Galicia. Deste xeito, as axudas están destinadas a propostas xestionadas por entidades privadas sen ánimo de lucro domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea e que desenvolvan a súa actividade na Comunidade no eido da mocidade e o emprego. Tamén están abertas aos concellos galegos, mancomunidades de municipios ou órganos públicos dependentes destes.

Neste senso, as achegas, ata un máximo de 100.000€ por programa, irán destinadas a sufragar distintos gastos, desde o persoal preciso para a formación, ata o custos de desprazamento, de seguros ou mesmo ao deseño de materiais. Pola súa banda, os mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos, que accedan a estas estadías deberán estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e non estar ocupadas, e percibirán unha bolsa dun mínimo de 690€ mensuais.

460 participantes en tres edicións

Con Fórmate na Empresa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude traballa por achegar á mocidade os apoios necesarios para a súa transición á vida laboral despois dos seus estudos, potenciando a educación non formal, creando un ecosistema favorable á creación de oportunidades e favorecendo a captación e retención de talento en sectores económicos claves para Galicia (aeronáutica, agroalimentación, biotecnoloxía, automoción, enerxías renovables, madeira, metalmecánico, naval, pedra natural, téxtil, tecnoloxías da información e da comunicación).

Desde a súa creación, baixo o nome de Xuventude Mentoring na Empresa, participaron nos distintos proxectos formativos ofertados ao abeiro deste programa un total de 460 mozos e mozas. Así, na súa primeira edición as subvencións abrangueron 9 proxectos con 144 participantes e a implicación de 64 empresas. Na segunda foron tamén 144 as persoas mozas que participaron distribuídas noutras 9 propostas en 77 empresas, mentres que na terceira tomaron parte 172 participantes en 13 programas distribuídos en 132 compañías. Así mesmo, cómpre destacar que a taxa media de inserción laboral na última convocatoria acadou o 59,35%.

As axudas, que se canalizan a través da Xunta, están cofinanciadas nunha porcentaxe do 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Tras a convocatoria e resolución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coas propostas subvencionadas, correspóndelle ás entidades e concellos beneficiarios a súa posta en marcha. Así, como promotores, serán os encargados de seleccionar ás persoas participantes e destinalas aos  centros de traballo que se considere.

O período de solicitude das subvencións por parte das entidades comeza hoxe e remata o 16 de febreiro.

Data de actualización: 16/01/2026