O delegado territorial da Xunta supervisou esta mañá en Carballeda de Valdeorras o estado das obras para o embelecemento na contorna do Camiño de Inverno
A Xunta destina preto de 920.000 € a 31 concellos da provincia de Ourense para a mellora das infraestruturas turísticas nas contornas rurais
O delegado territorial destacou que esta orde da Xunta, dotada de 2 millóns de euros, busca impulsar e consolidar a actividade turística nas contornas rural, e ao mesmo tempo promover a diversificación turística polo territorio da comunidade
Manuel Pardo significou que entre os obxectivos básicos deste tipo de axudas están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade
Esta orde dirixida a concellos de ata 10.000 habitantes procura a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional
Ourense, 16 de xaneiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Carballeda de Valdeorras para, acompañado da súa alcaldesa, María del Carmen González, supervisar o estado das obras para o embelecemento da contorna de afección ao Camiño de Inverno mediante a retirada de contenedores e residuos, nas que a Axencia de Turismo de Galicia achegou 30.000 euros, ao abeiro da orde de axudas para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas en municipios de ata 10.000 habitantes.
Durante a súa visita, o delegado territorial subliñou que na última resolución destas achegas, a Xunta destinou preto de 920.000 euros a 31 concellos da provincia de Ourense co fin de impulsar e consolidar a actividade turística nas contornas rural, e ao mesmo tempo promover a diversificación turística polo territorio da comunidade. Nesta liña, detallou que os municipios beneficiados por esta liña de subvencións foron Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Verea, Maside, Oímbra, Bande, Vilar de Barrio, O Bolo, Allariz, Arnoia, Larouco, Sandiás, Cualedro, Muíños, Lobios, A Peroxa, Castrelo do Val, A Merca, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, A Teixeira, Leiro, Petín, Vilariño de Conso, Ribadavia, Melón, Lobeira, Montederramo, Castrelo de Miño, Cartelle e A Gudiña.
Esta orde, dotada de 2 millóns de euros, procura -segundo Manuel Pardo- a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.
O representante do Goberno galego significou que entre os obxectivos básicos deste tipo de axudas están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.
Tamén destacou que mediante estas axudas fináncianse gastos como a mellora na sinalización turística de sendeiros, a iluminación e os accesos a recursos turísticos, así como a posta valor de conxuntos patrimoniais, o acondicionamento de recursos culturais e paisaxísticos ou a recuperación de elementos locais como fontes ou muíños.