A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe as actuacións realizadas no marco destes apoios no Porriño

A Xunta apoiou ás comunidades de usuarios de augas con 2,44 M€ desde 2020 para a mellora das súas instalacións

Ángeles Vázquez avanza que nas vindeiras semanas se publicará unha nova convocatoria destas axudas por un importe de 500.000 euros

As actuacións subvencionables son a mellora de instalacións de captación, potabilización e almacenamento de auga, así como dos sistemas de medición do caudal destas traídas

Pon en valor a boa acollida destas axudas por parte das comunidades de usuarios da provincia de Pontevedra, que recibiron o 80% das subvencións desde 2020 e en 2025, en concreto, esa porcentaxe superou o 92%

O Porriño (Pontevedra), 16 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia apoiou ás comunidades de usuarios de traídas de auga con 2,44 millóns de euros desde o ano 2020 para a mellora das súas instalacións, segundo subliñou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, no Porriño.

Durante a súa visita ás instalacións da Comunidade de Augas de Atios, Ángeles Vázquez avanzou que nas vindeiras semanas se publicará no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria destes apoios cun orzamento de 500.000 euros para colaborar coas comunidades de usuarios que xestionan e se ocupan do mantemento das súas propias traídas de auga no obxectivo para proporcionar un servizo de calidade.

En concreto, as actuacións subvencionables son a mellora de instalacións de captación, potabilización e almacenamento de auga, así como dos sistemas de medición do caudal destas traídas. As achegas poden cubrir ata o 80% do investimento necesario cun límite de 15.000 euros por solicitude.

A conselleira puxo en valor a boa acollida destas axudas por parte das comunidades de usuarios da provincia de Pontevedra. De feito, o 80% das subvencións concedidas desde 2020 foron para entidades pontevedresas e en 2025 esa porcentaxe superou o 92%. Nese senso, Ángeles Vázquez indicou que o ano pasado dúas comunidades de usuarios do Porriño recibiron cadansúa axuda de 15.000 euros para acometer melloras nas súas instalacións.

Máis polo miúdo, a comunidade de usuarios de Atios instalou un protector de tormenta no equipo de bombeo e sistema de telecontrol, un panel solar e válvula de control de enchido, contadores en depósito de bombeo e conexión eléctrica de cadro a depósito. Pola súa banda, a Comunidade de Augas San Jorge Mosende acometeu a impermeabilización do depósito da estación de tratamento de auga potable do Casal e instalou unha porta de aceiro na caseta da ETAP, contadores de entrada en depósitos e un valado nos mananciais do Castro.

Segundo explicou a conselleira, esta é unha das oito ordes de axudas que está previsto convocar nos primeiros meses deste ano e ás que a Xunta destinará preto de 9,3 millóns de euros -un 22% máis que en 2025-. Deste xeito, a Xunta ofrece diferentes liñas de apoios para impulsar actuacións que melloren a eficiencia, a sostibilidade e o funcionamento en xeral dos sistemas de abastecemento e de saneamento de augas, garantan solucións axeitadas ao medio rural e reforcen a protección dos ríos galegos.

A maioría destas axudas destínanse aos concellos e entidades locais menores con menos de 50.000 habitantes, con preto de 6,9 millóns de euros para minimizar as fugas no abastecemento e reducir as infiltracións na rede de saneamento; máis de 770.000 euros para renovar e/ou instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados, e 700.000 euros para realizar auditorías nas redes de abastecemento e saneamento.

Tamén hai apoios para particulares -500.000 euros para a renovación de foxas sépticas en vivendas unifamiliares- e entidades sen ánimo de lucro -200.000 euros para actuacións de educación ambiental que incidan sobre o coidado dos recursos hídricos para mellorar o estado dos ecosistemas fluviais-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2026