A Xunta analiza con Stella Maris vías de colaboración para reforzar a formación e a atención aos profesionais do mar

O encontro permitiu explorar sinerxías no acompañamento no ámbito formativo prelaboral que permita acceder posteriormente a formación no sector pesqueiro

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo unha reunión con representantes de Stella Maris para valorar posibles vías de colaboración no ámbito da formación e da asistencia aos profesionais do mar, así como no acompañamento social ás tripulacións. Así, explorouse a posibilidade de impulsar unha formación prelaboral que permita acceder posteriormente aos cursos necesarios para incorporarse á actividade profesional.

Durante o encontro púxose en valor o papel desta organización, que conta coa maior rede mundial de visitas a buques e centros de acollida, con presenza en máis de 350 portos de 54 países, converténdose nun referente internacional no apoio á xente do mar. En Galicia, Stella Maris forma parte do Comité de Benestar Social do Porto de Vigo, onde desenvolve unha importante actividade de atención ás tripulacións.

A Xunta destacou a importancia de sumar esforzos con entidades especializadas para mellorar as condicións de vida e traballo no mar, especialmente nun contexto no que a formación e o benestar son claves para o futuro do sector. Recentemente foi elixido responsable mundial do Apostolado do Mar o bispo emérito de Tui-Vigo, Enrique Díaz Díaz, reforzando a vinculación da organización con Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/01/2026