Os centros de FP desenvolveron nos últimos anos máis de 400 proxectos de innovación co apoio da Xunta

A Consellería de Educación vén de convocar unha nova edición dos premios cos que se recoñecen iniciativas con especial potencial neste eido

Desde a posta en marcha en 2013 destes galardóns o Goberno galego destinou máis de 7,7 M€ ao financiamento dos proxectos ideados por alumnos e docentes

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2026

Os centros de FP galegos desenvolveron nos últimos anos máis de 400 proxectos de innovación co apoio da Xunta a través dos premios a estas iniciativas. Precisamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de convocar unha nova edición destes galardóns cos que se recoñecen as accións con especial potencial neste eido.

O obxectivo é potenciar as actuacións innovadoras nos ámbitos tecnolóxico, didáctico e de orientación profesional, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na Formación Profesional, así como o fomento do emprendemento.

Desde a primeira convocatoria, en 2013, o Goberno galego leva destinados máis de 7,7 M€ ao financiamento dos 405 proxectos gañadores, que son ideados por alumnos e docentes e que se desenvolven en colaboración con empresas. De feito, o orzamento da convocatoria incrementouse desde os 90.000€ do ano 2013 para os nove proxectos gañadores ata 1 M€ que se destinarán este 2026 aos modelos seleccionados.

Ata o 20 de febreiro

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 20 de febreiro. Deben dirixirse á Dirección Xeral de FP a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e deben ser colaborativos e contar cun mínimo de dous participantes, que poderán ser centros de FP, escolas de arte e superiores de deseño, entidades ou empresas, a nivel autonómico.

O proxectos adecuaranse a algunha das tres modalidades establecidas na convocatoria. A primeira delas, céntrase en iniciativas que buscan crear innovacións tecnolóxicas ou científicas para mellorar procesos de produción e servizos, fomentar a transferencia tecnolóxica entre centros educativos e o sector produtivo, impulsar a empregabilidade dos estudantes e xerar entre eles novas oportunidades de emprendemento.

No caso da modalidade de innovación didáctica, os proxectos irán orientados a desenvolver materiais e recursos didácticos que permitan introducir novas tecnoloxías e contidos nas aulas e talleres, así como facilitar a aprendizaxe práctica.

Finalmente a modalidade de orientación profesional diríxese a iniciativas centradas en responder ás necesidades do mercado laboral, axudar ao alumnado a definir itinerarios formativos, adquirir competencias clave e explorar oportunidades laborais.

Os proxectos premiados poderán contar coa colaboración do Centro Galego da Innovación da FP, Centro Eduardo Barreiros, tanto na coordinación e desenvolvemento, como no impulso á valorización empresarial das innovacións que xurdan deles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2026