A Xunta traslada o seu apoio ao sector nas protestas contra o regulamento de control da pesca

Villaverde subliña que o Goberno galego actuou con dilixencia ao presentar alegacións en 2024 e lamenta que o Ministerio non as atendese antes da entrada en vigor da norma

A conselleira do Mar insiste en que a aplicación actual do regulamento resulta inviable para a pesca artesanal e de baixura pola súa falta de adaptación á realidade galega

Na reunión abordáronse outros asuntos de interese para a frota como o estado de tramitación de textos lexislativos como o Estatuto da muller traballadora do mar, a xestión de excedentes ou o decreto de artes

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe unha reunión cos presidentes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das federacións provinciais na sede da Consellería, na que trasladou o apoio do Goberno galego ao sector nas protestas contra o Regulamento de Control da Pesca da Unión Europea e analizou coas organizacións representativas da frota os problemas derivados da súa aplicación práctica.

Durante o encontro, a responsable autonómica lembrou que a Xunta actuou con antelación e dilixencia ao remitir en 2024 alegacións formais ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre este regulamento, advertindo xa daquela das dificultades que a nova normativa ía xerar na frota artesanal e de baixura. Villaverde lamentou que esas achegas non fosen atendidas no seu momento, o que tería permitido anticiparse á situación que vive actualmente o sector.

A titular de Mar reiterou que Galicia comparte os obxectivos de control, trazabilidade e loita contra a pesca ilegal, pero insistiu en que a aplicación do regulamento, tal e como está formulada, pode supoñer riscos para os pescadores á hora de traballar e exposición  a sancións innecesarias. Así, sinalou que resulta desproporcionada e pouco realista para embarcacións pequenas, con mareas curtas e sen medios técnicos para cumprir con esixencias como o rexistro exacto das capturas a bordo ou os prazos de notificación previa de entrada a porto.

Neste sentido, Marta Villaverde defendeu novamente a necesidade dunha implantación flexible, progresiva e adaptada ás características da pesca artesanal galega, evitando cargas administrativas innecesarias e un réxime sancionador que xere inseguridade xurídica entre os profesionais do mar. Tamén se comprometeu a seguir exercendo de interlocutora activa ante o Ministerio e a defender en todos os ámbitos unha aplicación do regulamento compatible coa viabilidade económica do sector e co mantemento do emprego e da remuda xeracional.

Outros asuntos de interese para a frota

Na reunión tamén se abordaron outros asuntos de interese para o sector, como por exemplo algúns relacionados coa formación, o estado de tramitación de ordes de axudas de cara a este novo ano, ou do avance na modificación de textos lexislativos como o do Estatuto da muller traballadora do mar, a xestión dos excedentes do marisqueo ou a modificación do decreto de artes.

Así mesmo, a conselleira do Mar e os representantes das confrarías falaron sobre o Regulamento europeo de TAC e Cotas, na liña de seguir insistindo ao Goberno central para que busque en Bruxelas fórmulas que poidan atenuar os efectos negativos da negociación levada a cabo o pasado mes de decembro e que estableceu recortes de posibilidades de pesca moi daniños en especies como o xarda, o lirio e o abadexo.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/01/2026