Villaverde destaca o labor social das confrarías ao longo do tempo na presentación do libro sobre a historia do Pósito de Pescadores de Carreira e Aguiño

A conselleira do Mar destaca o papel das confrarías na cohesión social, na defensa dos intereses da xente do mar e na transmisión do legado mariñeiro ás novas xeracións

Ribeira (A Coruña), 16 de xaneiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na presentación do libro O Pósito de Pescadores de Carreira e Aguiño (1924-1944), unha obra que recupera a historia e o legado dunha das entidades mariñeiras máis representativas da ría de Arousa, e que ven de conmemorar o centenario da súa orixe como entidade asociativa.

Durante o acto, celebrado na sede da confraría, a titular de Mar destacou que a publicación é “un exercicio necesario de memoria colectiva” que permite entender o pasado para valorar o presente e proxectar o futuro do sector. Villaverde subliñou que a historia do pósito é tamén a dunha comunidade que xerou riqueza, preservou patrimonio e protexeu un ben social vencellado ao mar, facendo da actividade pesqueira un eixo económico, social e cultural esencial para Aguiño e para Ribeira.

A conselleira puxo en valor o papel das confrarías como espazos de cooperación, organización e cohesión social, lembrando o esforzo de xeracións de mariñeiros e mariscadoras que contribuíron á consolidación dunha entidade comprometida coa defensa dos intereses da xente do mar. Neste sentido, incidiu na importancia de achegar este legado histórico ás novas xeracións, reforzando a conciencia social sobre o valor da actividade mariñeira.

Villaverde referiuse tamén á estreita vinculación histórica de Aguiño co percebe, un dos seus recursos máis emblemáticos pola súa elevada calidade, que sitúa a esta contorna entre as principais zonas produtoras de Galicia. Un exemplo, sinalou, de como tradición, coñecemento e respecto polo medio mariño definen a identidade do sector.

A responsable autonómica destacou, ademais, que esta obra contribúe a preservar e divulgar un valioso patrimonio documental e fotográfico, garantindo a conservación dun saber transmitido de xeración en xeración e reforzando o orgullo pola cultura mariñeira galega.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 16/01/2026