Belén do Campo destaca o investimento de 30.000€ para a recuperación do lavadoiro de Sas de Paderne grazas ás axudas da Xunta para a rede de reservas da biosfera
A delegada da Xunta lembrou que esta orde na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas beneficiou aos concellos de Paderne, Bergondo, Carral, Arteixo, Oleiros, Miño e Oza-Cesuras por un importe total de máis de 165.000 euros, para actuacións de conservación e valorización do seu patrimonio natural e cultural
O goberno galego destina, este ano, un orzamento de máis de 1,8M€ a axudas para distintas actuacións de mellora, protección e conservación de espazos protexidos galegos pertencentes á a reservas de biosfera da comunidade, Rede Natura 2000 ou a todos os parques naturais
Paderne (A Coruña), 21 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente, Pilar Arias, visitou esta mañá o Concello de Paderne para supervisar o resultado da actuación das obras de mellora e acondicionamento do lavadoiro de Sas grazas as achegas da orde de conservación, recuperación e rehabilitación o patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede de reservas da biosfera de Galicia, cunha achega da Xunta de 30.000 euros. Este Concello forma parte da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas xunto cos municipios de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza - Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.
A actuación contemplou a restauración do conxunto patrimonial de fonte e lavadoiro, co obxectivo de mellorar o estado xeral do espazo e garantir tanto a súa estabilidade estrutural como as condicións de seguridade.
A actuación permitiu conservar todos os elementos orixinais do conxunto, respectando a fonte e a súa contorna, ao tempo que se levou a cabo unha mellora integral das súas condicións de uso e conservación.
Con esta obra o lavadoiro de Sas en Paderne recupérase como un espazo de valor patrimonial e social, mellorando a súa conservación e garantindo o seu mantemento a longo prazo para o desfrute da veciñanza.
Belén do Campo lembrou na visita que con esta orde a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas beneficiose nos concellos de Paderne, Bergondo, Carral, Arteixo, Oleiros, Miño e Oza-Cesuras por un importe total de máis de 165.000 euros, para actuacións de conservación e valorización do seu patrimonio natural e cultural de zonas rurais.
Nova convocatoria 2026
A delegada informou que a Xunta destina este ano un orzamento de 1.870.000 euros a axudas para distintas actuacións de mellora, protección e conservación de espazos protexidos galegos pertencentes á Rede Natura 2000, a reservas de biosfera da comunidade ou aos seus seis parques naturais.
Durante a súa visita ao concello de Paderne a representante do Goberno autonómico explicou que a orde coa convocatoria destes apoios sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras semanas. Nesta ocasión intégranse nunha única orde as tres existentes en anos anteriores -para espazos en Rede Natura 2000, en parques naturais ou reservas de biosfera- co fin de simplificar o procedemento e facilitar as xestións dos administrados.
Non obstante, Belén do Campo detallou que a orde se divide en dúas liñas de axudas, unha para actuacións en reservas de biosfera e outra para terreos en parques naturais ou Rede Natura 2000. No caso da primeira, os potenciais beneficiarios son as administracións públicas ou entidades asociativas que sexan órganos de xestión das reservas de biosfera de Galicia e que desenvolvan actuacións en zonas rurais situadas en calquera das reservas dentro do ámbito territorial da comunidade.
En canto ás achegas para espazos de Rede Natura 2000 ou parques naturais de Galicia, están dirixidas a concellos e entidades locais menores incluídas total ou parcialmente nalgúns dos parques naturais da comunidade ou na Rede Natura 2000, a asociacións ambientais sen ánimo de lucro, a persoas físicas ou a empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios galegos nos que se sitúe un parque natural constituídas con anterioridade á publicación das axudas.
Belén do Campo explicou que o fin último destes apoios é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna.
Accións que se apoian
De feito, as achegas permiten subvencionar actuacións para a conservación, restauración e mellora da biodiversidade, especialmente no caso de hábitats, especies e espazos protexidos, así como doutras que teñan un impacto favorable na mitigación e/ou adaptación ao cambio climático. Entre elas estarían as accións de control e eliminación de especies exóticas invasoras, a redución e mitigación dos impactos sobre a fauna derivados das actividades humanas, a protección do solo, a realización de inventarios e estudos ou campañas de concienciación ambiental.
Tamén son subvencionables actuacións de conservación e recuperación de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representativos ou precisos para o mantemento da paisaxe agraria, cultural ou etnográfica tradicional. Entre eses elementos inclúense pallozas, hórreos, muros de pedra, colmeas, fontes, muíños, alvarizas, terrazas de pedra ou bancais.
Esta orde de axudas tamén permite apoiar proxectos de creación e mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos incluíndo investimentos para uso público como a creación, restauración ou adecuación de rutas, sendas e camiños rurais ou de acceso a fincas, relacionadas coa posta en valor do uso público do espazo protexido. Ademais subvenciónanse proxectos de sinalización orientativa, informativa ou interpretativa do espazo protexido; a creación, restauración ou adecuación de miradoiros e áreas recreativas ou centros de interpretación, así como a creación ou mellora de aparcadoiros disuasorios.