Diego Calvo recibe ao novo cónsul honorario de Ucraína en Galicia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destaca o compromiso da Xunta coa poboación ucraína a través da Cooperación Galega coa mobilización de máis de 228.200 euros desde 2022 para o transporte de axuda humanitaria, protección e apoio

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe co novo cónsul honorario de Ucraína en Galicia, Antonio Corredoira Alfonso, no marco dos encontros que mantén o Goberno galego co corpo consular acreditado en Galicia.

O Goberno galego reiterou o seu compromiso coa poboación ucraína a través da Cooperación Galega, que mobilizou nos últimos anos máis de 228.200 euros en actuacións subvencionadas en Ucraína. Estas actuacións inclúen proxectos de acción humanitaria, atención sanitaria móbil, transporte de axuda humanitaria, protección da infancia e apoio psicosocial, desenvolvidos en colaboración con entidades como UNICEF, Farmamundi, Fundación Tierra de Hombres e Aga-Ucraína.

Cónsul honorario de Ucraína en Galicia

Antonio Corredoira foi nomeado cónsul honorario de Ucraína en Galicia o pasado 9 de decembro de 2025. O consulado honorario, de nova creación, terá a súa sede na Coruña. Corredoira leva anos implicado coa cooperación internacional, en particular colaborando coa protección e apoio á poboación ucraína afectada pola guerra e co transporte de axuda humanitaria en colaboración coa Cooperación Galega. Na actualidade é presidente da ONG Fundación Europeos con Ucraína.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2026