A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co conselleiro do Mar e Ciclo da Auga das Illas Baleares

Ángeles Vázquez salienta que o futuro procedemento unificado do litoral da Xunta servirá de exemplo para outras comunidades e simplificará a xestión da costa

Pon en valor os avances administrativos que está a facer o Goberno galego desde que asumiu o traspaso dos medios, servizos e funcións de xestión do litoral

Xa está en marcha unha solicitude única electrónica para os trámites sobre os usos ou ocupación da costa, que simplifica e axiliza o procedemento xa que o Goberno central requiría cinco formularios de solicitude en papel

Os dous representantes autonómicos coincidiron na importancia de avanzar cara a un modelo máis respectuoso e homoxéneo que compatibilice a actividade económica coa conservación do litoral

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou que o futuro procedemento unificado e integrado do litoral da Xunta servirá de exemplo para outras comunidades autónomas e simplificará a xestión da costa.

Durante unha reunión que mantivo esta tarde co conselleiro do Mar e Ciclo da Auga, Juan Manuel Lafuente, no marco de Fitur 2026, Ángeles Vázquez puxo en valor os avances administrativos que está a facer o Goberno galego desde que asumiu, o pasado 1 de xullo, o traspaso dos medios, servizos e funcións de xestión do litoral.

Nese senso, indicou en que poden ser unha boa folla de ruta para as comunidades costeiras, ao igual que aconteceu coa Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que serviu  como modelo para aquelas autonomías que aspiran a xestionar a súa costa, como é o caso das Illas Baleares.

En concreto, a conselleira trasladoulle ao representante autonómico balear que a Xunta prevé aprobar nos vindeiros meses o decreto que regulará o procedemento integrado e unificado para os títulos habilitantes –autorizacións, concesións e declaracións responsables- en dominio público marítimo-terrestre (DPMT) e zona de servidume.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, con esta nova normativa, entre outros aspectos, as autorizacións sectoriais autonómicas son substituídas por informes preceptivos vinculantes, intégranse os trámites de avaliación ambiental e amplíase o ámbito de aplicación das declaracións responsables. O obxectivo é acadar “unha simplificación e axilización efectivas dos procedementos na xestión do litoral”, subliñou a conselleira.

De feito, para facilitar tanto o traballo dos funcionarios como as xestións do conxunto da cidadanía, a Xunta puxo xa en marcha unha solicitude única electrónica para os trámites sobre os usos ou ocupación da costa, que simplifica e axiliza o procedemento xa que o Goberno central requiría cinco formularios de solicitude en papel.

A maiores, os responsables autonómicos tamén abordaron as taxas administrativas, que en Galicia se homoxeneizan e reducen en máis dun 60% para a solicitude de títulos habilitantes en zona de servidume, e as condicións dos servizos de tempada, que amplían a súa duración -desde o venres anterior a Semana Santa ata o 31 de outubro de forma continuada-.

Os dous representantes autonómicos coincidiron na importancia de avanzar cara a un modelo máis respectuoso e homoxéneo que compatibilice a actividade económica coa conservación do litoral.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2026