A Xunta recibe 32 ofertas para executar as obras de renovación do firme en 19 estradas de titularidade autonómica ao seu paso 30 concellos

As actuacións licitadas en conxunto por máis de 10,6M€ en catro lotes distintos, un por provincia, teñen como obxectivo mellorar as características funcionais e a seguridade viaria en distintos treitos das vías autonómicas

No caso da provincia da Coruña trátase da renovación do firme das vías da Xunta AC-841, AC-543, AC-960 e AC-261 ao seu paso polos municipios de Santiago de Compostela, Boqueixón, Touro, Teo, Ames, Rois, Lousame e Noia

Na de Lugo, as intervencións centraranse nas estradas LU-021, LU-115 e LU-541, nos seus percorridos polos municipios de Lugo, Vilalba, Castro de Rei, Begonte e Outeiro de Rei

Na provincia de Ourense as obras incluirán as estradas OU-102, OU-104, OU-105, OU-150, OU-320 E OU-537, no seu paso por Maceda, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Allariz, Taboadela, Ourense, Coles e Paderne de Allariz

Intervirase nas estradas da provincia de Pontevedra: PO-548, VG-4.2, PO-224, PO-305, PO-316 e PO-223, ao seu paso polos concellos de Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Pontecesures, Pontevedra, Ribadumia, Valga e Vilagarcía de Arousa

Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme das vías autonómicas, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade

A Xunta continúa a traballar na mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, que acadará de novo o récord histórico en investimento en conservación viaria da rede autonómica este ano, con 71,6 M€

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de recibir un total de 32 ofertas de empresas para executar as obras de renovación do firme en 19 estradas de titularidade autonómica ao seu paso por 30 concello das catro provincias, licitadas por un orzamento conxunto superior aos 10,6M€.

O obxectivo é mellorar as características funcionais das estradas da Xunta e seguridade viaria en distintos treitos, para o que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, as actuacións en catro lotes distintos, un por provincia.

Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con distintas actuacións, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.

No caso da provincia da Coruña recibíronse un total de 11 ofertas de empresas para levar a cabo unha renovación do firme para o mantemento e conservación das estradas AC-841, AC-543, AC-960 e AC-261 ao seu paso polos municipios de Santiago de Compostela, Boqueixón, Touro, Teo, Ames, Rois, Lousame e Noia.

No que corresponde á de Lugo, recibíronse sete ofertas de empresas para as actuacións de reforzo do firme centradas nas estradas LU-021, LU-115 e LU-541, nos seus percorridos polos municipios de Lugo, Vilalba, Castro de Rei, Begonte e Outeiro de Rei.

Na provincia de Ourense, presentáronse seis empresas para executar as obras do contrato de acondicionamento do firme das estradas OU-102, OU-104, OU-105, OU-150, OU-320 E OU-537, ao seu paso polos concellos de Maceda, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Allariz, Taboadela, Ourense, Coles e Paderne de Allariz.

Finalmente, o contrato das actuacións a levar a cabo nas estradas da provincia de Pontevedra recibiron 8 ofertas de empresas para a súa execución. Neste caso, trátase de actuar na mellora do firme das estradas PO-548, VG-4.2, PO-224, PO-305, PO-316 e PO-223, nos seus percorridos polos concellos de Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Pontecesures, Pontevedra, Ribadumia, Valga e Vilagarcía de Arousa.

En concreto, en todas as intervencións obxecto destes contratos inclúese a rehabilitación superficial do firme destas estradas, con actuacións que incorporan a restauración ou mellora das características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade segundo a tipoloxía e necesidades de cada unha delas.

Así, as obras incluirán a reparación de zonas de firme danado mediante fresados localizados e reposición dunha capa de firme; selado de fisuras lineais con mestura bituminosa, renovación e homoxeneización da rodadura.

A maiores, segundo as necesidades das distintas vías autonómica, defínense unha serie de actuacións complementarias necesarias para a correcta execución dos traballos, como é a reposición de marcas viarias (liñas continuas e descontinuas, cebras, símbolos e resaltes) nos tramos onde se renove a capa de rodaxe e nos tramos onde a xa existente perdeu as súas prestacións.

O departamento de Infraestruturas da Xunta segue a traballar e a apostar tamén pola mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria.

O obxectivo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas é adxudicar estes contratos ao longo do primeiro semestre do 2026, para executalas tamén neste ano.

O departamento que dirixe María M. Allegue acadará de novo o récord histórico en investimento en conservación de estradas da rede autonómica neste ano, con 71,6 M€.

Data de actualización: 22/01/2026