Villaverde destaca o compromiso de Santiago Llovo na difusión e posta en valor do patrimonio marítimo de Galicia
A conselleira participou na presentación do novo libro deste escritor-historiador Corcubión, a súa historia salgada
Corcubión (A Coruña), 22 de xaneiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou esta tarde na presentación do libro Corcubión, a súa historia salgada, unha nova publicación de Santiago Llovo, na que este investigador, divulgador e escritor recolle a historia que representou nesta vila da Costa da Morte a actividade empresarial vinculada ás fábricas de sardiña ao longo dos anos e, que en palabras de Villaverde, representa “a Galicia Calidade da nosa cultura mariñeira”.
Esta obra de investigación está baseada na memoria colectiva que permite identificar orixes, propietarios, embarcacións, infraestruturas ou produtos comercializados entre outros elementos identitarios deste patrimonio mariñeiro desenvolvido na beiramar fisterrá e que xa foi integrado e recoñecido na Lei do patrimonio cultural de Galicia como ben arquitectónico e, no ámbito do Patrimonio Nacional, como arquitectura de tipo tradicional marítima. Un traballo co que o autor, apuntou a responsable autonómica, “devolve ao mar de Galicia a fortaleza, e ás nosas vilas a autoestima do pasado, do presente e do futuro”.
Para elo Llovo contou coa colaboración da Asociación Galega do Patrimonio Industrial-BUXA, o que lle permitiu plasmar a realidade dos últimos 300 anos de historia de salgaduras e madeiras. “Un labor investigador excepcional que xa forma parte da literatura que versa sobre o mar, as súas xentes e o seus costumes”, concluíu a conselleira.