Villaverde aborda con Qualigy Solutions Innovation a evolución do proxecto Xesmar, recoñecido a nivel internacional e financiado con fondos europeos

O encontro enmarcouse na estratexia da Consellería de promover a modernización da actividade marítima, favorecendo accións que contribúan á súa sostibilidade

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, abordou con Qualigy Solutions Innovation as diferentes liñas de colaboración, impulsadas polo seu departamento para  fomentar a innovación, a dixitalización e a sustentabilidade na actividade pesqueira.

É o caso do proxecto Xesmar, plataforma tecnolóxica para a implantación en todas as confrarías de Galicia, grazas ao financiamento da Consellería do Mar, a través de fondos europeos do Femp. Esta aplicación dixital simplifica a xestión e a organización do traballo do sector; fomenta a formación dos traballadores; e potencia a conexión e integración. Ademais conta co recoñecemento de dous dos galardóns máis destacados que outorga o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación na materia: Premio Excelencia da Innovación para Mulleres Rurais e Mellor Proxecto na categoría Construíndo Capital Social, en Bruxelas.

Tanto Villaverde como os representantes de Qualigy puxeron en valor a importancia de seguir apostando por proxectos coma este vinculados á mellora dos procesos produtivos, a optimización da cadea de valor e a aplicación de solucións tecnolóxicas avanzadas que contribúan a reforzar a competitividade do sector.

Unha sinerxia público-privada que, como acontece con esta plataforma, segundo precisou a conselleira, supón “desde a innovación e o coñecemento, unha oportunidade para garantir emprego de calidade e valor engadido á actividade vinculada ao mar.

O encontro enmarcouse na estratexia da Consellería do Mar de promover a modernización do sector, favorecendo a cooperación con entidades tecnolóxicas e innovadoras que contribúan ao seu crecemento sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2026