María José Gómez pon en valor as políticas a prol da remuda xeracional, que se reforzarán neste 2026

A conselleira do Medio Rural participou hoxe na xornada RuralMente co sector primario, organizada polo Concello da Estrada

Destacou as axudas de incorporación de mozos, o Banco de Explotacións, o programa de titorización e asesoramento e a formación como ferramentas para favorecer o desenvolvemento do sector primario

A Estrada (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe na xornada RuralMente, organizada polo Consello da Estrada co sector primario da zona, onde puxo en valor as políticas a prol da remuda xeracional impulsadas desde o seu departamento, e que se reforzará este ano.

Neste sentido, explicou o impulso ao Plan de remuda centrado sobre varias liñas de traballo. Entre elas, as achegas para a incorporacións de mozos ao agro e os plans de mellora de explotacións, coas que se apoia o desenvolvemento do seu plan empresarial. A conselleira salientou que grazas a estas subvención, máis de 5.000 mozos puideron incorporarse á actividade agrogandeira desde 2009. Unha liña de axudas que, tal e como manifestou, terá continuidade neste 2026.

A maiores, a titular de Medio Rural tamén fixo fincapé noutra iniciativa posta en marcha o pasado ano, o Banco de Explotacións. Detallou que esta ferramenta favorece o contacto entre titulares de explotacións que cesan ou van cesar a súa actividade e os interesados en asumir a súa xestión, mediante compra ou arrendamento. Ademais, resaltou que este proceso fomentarase cunha liña de axudas específica cunha achega de 2,1 millóns de euros ata 2029. Actualmente son sete explotacións as dispoñibles no Banco, unha das cales se corresponde cunha granxa avícola da Estrada.

O programa de titorización e o asesoramento é outra das liñas de traballo para favorecer a remuda e, neste ámbito, a conselleira explicou que desde a súa posta en marcha no ano 2024 beneficiou xa un total de 544 persoas que solicitaron as axudas de incorporación. Estes beneficiarios foron atendidos e acompañados por 48 titores, profesionais das oficinas rurais dependentes da Xunta. Gómez indicou que este programa terá continuidade ao longo deste 2026 cun incremento do seu orzamento, pasando de 400.000 euros a case 850.000.

Por último, a conselleira salientou a relevancia da formación para garantir a remuda xeracional. Neste sentido, explicou que a Consellería dispón de seis centros de formación e experimentación agraria nos que este curso se matricularon 566 alumnos, un 9 % máis con respecto ao anterior.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2026