Román Rodríguez anima ao sector da biotecnoloxía a participar na enquisa para a elaboración da nova Estratexia de excelencia 2030

O conselleiro de Ciencia e o presidente de BIOGA asinan un convenio para a súa achega na elaboración da Estratexia

A folla de ruta, que se presentará antes do verán, contará con achegas tanto de profesionais galegos como do exterior para determinar prioridades, retos e expectativas

O obxectivo é contar cun tecido produtivo de alto valor engadido, capaz de crear emprego cualificado, atraer e reter talento e captar investimentos

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026

A enquisa para achegar unha visión global da situación do sector da biotecnoloxía en Galicia xa está dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación co fin de recompilar información e comezar a elaborar a nova Estratexia de excelencia da biotecnoloxía 2030. Así o afirmou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a sinatura dun convenio de colaboración co presidente do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA), José Manuel Vilariño, para labores de consultoría e asesoramento na elaboración da Estratexia. A firma tivo lugar no Centro de Investigación Mestrelab.

“Esta enquisa pública está dirixida aos profesionais do sector con preguntas relacionadas coas últimas tendencias en biotecnoloxía, innovación e emprendemento, talento, formación ou instrumentos de financiamento”, sinalou Román Rodríguez, quen remarcou que o obxectivo é “ter unha visión global das principais prioridades, retos e expectativas dos profesionais”, a quen animou a participar na mesma.

A enquisa forma parte da planificación para conformar a Estratexia de excelencia da biotecnoloxía, coa que se busca consolidar a Galicia como unha biorrexión de referencia a nivel internacional. “Deste xeito damos cumprimento ao Plan galego de investigación e innovación 25-27 que fixa a biotecnoloxía como unha iniciativa de alto impacto”, remarcou o representante do Goberno galego. “A biotecnoloxía é un dos principais elementos que identifican e dan maior competitividade á I+G+i galega”, engadiu.

A elaboración desta folla de ruta, proceso do que forma parte activa BIOGA e que se presentará antes do verán, será un traballo participativo que involucre a todos os integrantes do ecosistema biotecnolóxico galego, pero tamén a axentes nacionais e internacionais que contribúan a detectar necesidades e achegas que repercutan positivamente neste ámbito na Comunidade. Tamén se desenvolverán reunións e mesas de traballo con representantes públicos e privados que permitan poñer en común a súa visión e contribuír, así, a priorizar as liñas de actuación da estratexia, identificando necesidades e oportunidades reais.

Calendario de traballo

Para contar con este plan no verán, que ampliará o alcance da recente finalizada Estratexia de consolidación da biotecnoloxía 2021-2025, o calendario de traballo é o seguinte: en xaneiro monitorizaranse os datos sobre a situación actual para obter un balance final da folla de ruta aplicada entre 2021 e 2025, mentres que ata marzo se realizará unha análise de tendencias, identificación de capacidades e barreiras do sector. Durante os meses de abril e maio definirase e redactarase o documento para presentala, finalmente, antes do verán.

Convenio con Bioga

Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular de Ciencia puxo en valor o acordo asinado hoxe con BIOGA por un importe de 70.000 euros para que presten o seu apoio na elaboración da Estratexia a través de labores de asesoramento e consultoría.

Con este convenio, reforzarase o papel do sector biotecnolóxico empresarial galego e a súa cadea de valor para multiplicar o seu impacto económico. O obxectivo é, a través do traballo conxunto, impulsar a excelencia do sector biotecnolóxico na nosa Comunidade e mellorar a súa competitividade, innovación e transferencia ao tecido empresarial.

De feito, a Consellería colabora con esta entidade desde o ano 2015 coa posta en marcha de cinco convenios que permitiron desenvolver condicións favorables para o crecemento en Galicia deste sector. Segundo o balance intermedio (período 21-23) da anterior Estratexia de biotecnoloxía, Galicia conta con 66 empresas cuxa actividade principal é a biotecnoloxía e máis de 160 entidades desenvolve produtos ou servizos baseados nesta tecnoloxía. O investimento en I+D en biotecnoloxía aumentou máis dun 20% respecto a 2020 e constitúe xa o 17% do total do gasto de I+D en Galicia, o que constata o carácter marcadamente innovador deste sector. Ademais, o número de persoas traballando na I+D biotecnolóxica superou as 1.720, o que supón un 6% máis que en 2020.

Data de actualización: 23/01/2026