A Xunta destaca o compromiso coa mellora das infraestruturas educativas de Ames, onde está acometendo obras por máis de 15 M€

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, supervisa o remate da nova cuberta do Colexio de Barouta, logo de investir preto de 237.000 €

Ames (A Coruña), 23 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP de Barouta, en Ames, para supervisar o remate da renovación da cuberta deste centro educativo que conta con preto de 200 alumnos matriculados.

O titular de Educación subliñou o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas educativas neste concello, que se reflicte nun paquete de obras en marcha que superan os 15 M€ de investimento. Neste senso, salientou especificamente a construción do novo colexio do Milladoiro, cuxas obras avanzan segundo o previsto e “é un dos proxectos educativos de maior envergadura que temos nestes momentos en Galicia”. Así mesmo, tamén destacou o remate doutra “importante actuación” como foi a do Colexio Agro do Muíño, cun investimento de preto de 3,4 M€.

No que atinxe á renovación da cuberta de Barouta, Román Rodríguez salientou a súa importancia en prol dunha mellora  “da eficiencia enerxética do centro e do confort dos alumnos e dos profesores no seu día a día na aula”.

Detalles da intervención

A obra consistiu na substitución da cuberta existente por unha nova de paneis sándwich de 30 mm de espesor, incluíndo o illamento tanto da cubrición como do forxado. Foron, en total, 1430 m² de cuberta inclinada de panel metálico e 392 m² de impermeabilización de cubertas planas. Ademais, instaláronse novos canlóns e baixantes e conectáronse á rede existente.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta a través do que a Xunta está a modernizar os centros educativos galegos, dando ademais resposta á necesidade de prazas de escolarización en determinadas zonas, como é o Concello de Ames, con obras de nova construción e ampliación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/01/2026