A Xunta achegou 66.000 euros para adquirir un punto limpo móbil que mellorará a xestión de residuos en Guntín
O delegado territorial, Javier Arias, explica que o Goberno galego publicará proximamente a nova convocatoria de axudas a concellos para mellorar puntos limpos fixos ou mercar equipos móbiles
O obxectivo é facilitar á veciñanza o depósito separado dos refugallos, fundamental para que estes poidan ser reciclados ou reutilizados
Guntín (Lugo), 27 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia achegou 66.100 euros ao Concello de Guntín para adquirir un punto limpo móbil que mellorará a xestión de residuos no municipio.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde, Ángel Pérez, explicaron que a colaboración realizouse a través da orde de axudas a entidades locais para mellorar os puntos limpos fixos ou mercar equipos móbiles. O obxectivo destes últimos é facilitar a recollida separada nos barrios e parroquias.
Arias apuntou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicará proximamente unha nova convocatoria destas axudas, que en 2026 estará dotada con 1,6 millóns de euros.
A finalidade é achegar á cidadanía as infraestruturas necesarias para separar os refugallos, un paso fundamental para que estes poidan ser debidamente reciclados ou reutilizados.
No caso dos puntos limpos fixos e móbiles, están indicados para residuos voluminosos ou perigosos que precisan dun tratamento especial, como aparellos eléctricos e electrónicos, pilas, baterías, xoguetes, mobles, restos de poda ou escombros de obras domésticas, entre outros.
O delegado destacou que a Xunta está a apoiar aos concellos no exercicio das súas competencias en materia de xestión de residuos e na posta en marcha de dotacións que permiten ofrecer á veciñanza un servizo máis eficiente e respectuoso co medio ambiente.
No 2025, a Consellería concedeu 550.000 euros en axudas a 13 municipios da provincia de Lugo para mellorar puntos limpos fixos ou mercar instalacións móbiles. Ademais de Guntín, foron beneficiarios Sarria, Sober, Chantada, Monforte de Lemos, Barreiros, Burela, Foz, A Pastoriza, Vilalba, A Fonsagrada, Baleira e Pedrafita do Cebreiro.