A Xunta destina 600.000 € para que a mocidade realice estadías formativas de catro meses en empresas doutros países da Unión Europea

O Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria de ‘Galicia Moza con Alma’, que procura o acceso ao traballo ou formación de rapazada con dificultades

Permitirá a entidades privadas sen ánimo de lucro desenvolver proxectos nos que se busque a integración laboral e formativa deste colectivo

A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén a súa partida de 600.000 € para apoiar a incorporación laboral ou formativa de 20 rapaces e rapazas 

A segunda edición incrementa en 30 días, ata as 180 xornadas, a duración desta acción de inclusión social, a través da execución dun máximo de catro proxectos

Este programa forma parte das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027, que conta con máis de 700 M€ para mellorar a calidade de vida da xente moza

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia destinará este ano 2026 un total de 600.000€ para que mocidade en situación de vulnerabilidade realice prácticas formativas non laborais de catro meses en empresas doutro países da Unión Europea. Farao a través da convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia da segunda edición Galicia moza con Alma, programa de inclusión social para propiciar o acceso ao traballo ou á formación da rapazada con dificultades.

Así, a través desta iniciativa, á que poden presentarse, a partir de mañá e ata o 2 de marzo, entidades privadas sen ánimo de lucro, a Consellería de Cultura,  Lingua e Xuventudu colaborara coa mocidade con baixo nivel formativo, que leve desempregada longo tempo, estea empadroada nun concello rural ou se atope que en situación de risco de exclusión social co obxectivo de facilitarlles a todos eles a integración laboral e formativa.

En concreto, a convocatoria de 2026 permitirá desenvolver un máximo de catro proxectos que non poden superar os cinco participantes cada un. Deste xeito, serán un total de 20 rapaces e rapazas, en risco de exclusión ou nunha situación desfavorecida, os que poidan participar neste programa de inclusión social. Ademais, débese salientar que, este ano, Galicia moza con Alma aumenta en 30 días, ata as 180 xornadas, o seu período de duración, no que os e as participantes recibirán de xeito personalizado acompañamento, preparación, formación e titorización.

Plan estratéxico da Xuventude 2025-2027

Cómpre lembrar que Galicia Moza con Alma é unha das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027, aprobado en abril deste mesmo ano, e que conta cun orzamento de máis de 700 M€ para marcar a folla de ruta a folla do Goberno galego dos vindeiros tres anos. O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida da xente nova, as súas competencias e capacidades, á vez que a súa participación activa no desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.

Tres fases

O programa, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa Fondo Social Europeo Plus – Galicia 2021-2027, consta de tres fases que se desenvolverán de xeito consecutivo. A primeira delas, levarase a cabo en Galicia, xa que se trata dunha preparación sociolingüística e intercultural así como a organización e preparación da mobilidade das persoas mozas participantes. A duración desta formación oscilará entre un mínimo de 75 horas e un período máximo dun mes.

Despois deste preparatorio, é cando a mocidade inicia as súas prácticas formativas non laborais de tres a catros meses consecutivos de duración en empresas, entidades ou institucións doutros países da Unión Europea. Cómpre aclarar que todas as persoas participantes contarán, en todo momento, cunha titorización das prácticas.

Ao seu regreso a Galicia, será cando dea comezo a última fase de seguimento. Neste proceso, a mocidade participante vai contar con apoio continuado do programa para que poidan desenvolver as novas capacidades adquiridas co obxecto de conseguir emprego ou seguir estudando e ampliando a súa formación. Para iso, estarán dentro dun plan complementario en habilidades e competencias para o emprego, cun mínimo de 20 horas lectivas.

Salientar que, no caso dos mozos e mozas que non acaden a inserción laboral nesta última etapa do programa, facilitaráselles a inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e ofreceráselle a participar nun plan titorizado cun orientador deste organismo. Esta fase iniciarase, como moi tarde, unha semana despois de que a persoa  participante regrese da súa mobilidade e poderá alongarse un mes como máximo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2026