Galicia reduce o abandono escolar no último ano ao situarse no 10,4%, 2,4 puntos menos que a media estatal

Esta variable, que mide a porcentaxe de persoas entre 18 e 24 anos sen titulación superior á ESO, baixa en Galicia o dobre que no conxunto de España en 2025

O ensino galego sitúase así entre as comunidades cun mellor resultado

A taxa de abandono é case o dobre no caso dos homes que das mulleres, polo que o Plan FPGal360 establece medidas especiais para actuar neste colectivo

As accións da Xunta neste eido intensificaranse agora co proxecto EdugalIA, que incorpora a intelixencia artificial á xestión educativa para combater o abandono

O ensino galego mellorou nesta variable máis de 15 puntos desde 2009, cando se situaba nun 25,8%

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

Galicia vén de pechar o ano 2025 cunha taxa abandono escolar do 10,4%, o que supón 0,4 puntos menos que o ano anterior e coloca á nosa Comunidade 2,4 puntos por debaixo da media estatal (que é do 12,8%), polo que se sitúa entre as autonomías cun mellor resultado neste eido.

Así pois, no último ano Galicia reduciu o dobre que o Estado esta variable que mide a porcentaxe de persoas entre 18 e 24 anos sen titulación superior á ESO. É dicir, que non cursaron FP Básica ou de grao medio nin Bacharelato, e que non seguen ningún tipo de formación (regrada ou non regrada) na actualidade.

No que atinxe aos datos por sexos, a taxa é case o dobre no caso dos homes que das mulleres (13,5% fronte a 7,2%), polo que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP establece medidas especiais no Plan FPGal360 para actuar neste colectivo. De feito, a iniciativa empeza a dar os primeiros froitos, pois a taxa entre os varóns diminuíu 1,5 puntos con respecto aos 15 puntos rexistrados en 2024.

Cómpre sinalar que, malia subas puntuais, Galicia mantén unha senda continuada de descenso nesta taxa desde o 25,8% rexistrado no ano 2009. É dicir, a redución ao longo dos últimos 15 anos é de máis de 15 puntos.

Novas vías formativas

O obxectivo é continuar traballando para minoralo o máximo posible, incorporando para iso novidosas vías formativas inéditas no Estado como a FP Acelerada, reforzando a FP Básica, implementando programas de orientación profesional e vocacional xa desde a última etapa de Primaria ou poñendo en marcha accións específicas dirixidas a colectivos específicos como os novos galegos chegados do exterior, entre outros.

Outro dos grandes eixos de actuación da Xunta para combater en adiante o abandono escolar será o proxecto EdugalIA, que incorporará a intelixencia artificial á xestión e avaliación educativa para mellorar o éxito escolar e reducir esta taxa.

Este proxecto, cun orzamento de 16,5 M€ e que se licitará esta semana, converte a Galicia en pioneira en España no desenvolvemento dun programa específico para usar a IA á hora de reducir o abandono e a mellorar a xestión dos centros. É, de feito, o primeiro proxecto de Compra Pública Innovadora realizado en España, o que lle permitiu captar 9,9 M€ procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027, a través dunha axuda concedida polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ao abeiro da Liña de Fomento de Innovación desde a Demanda (Liña FID).

Data de actualización: 28/01/2026