Medio Rural reduce as zonas afectadas polo organismo nocivo da couza guatemalteca da pataca

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a actualización da zona demarcada pola Tecia solanivora Povolny, da que se declaran libres 11 parroquias das provincias da Coruña e de Lugo tras non detectarse a súa presenza durante dous anos consecutivos

Sinálanse as parroquias que se manteñen como zonas infestadas, as que pasan de infestada a tampón, as que permanecen nesta última demarcación e as que pasan a considerarse libres

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

A Consellería do Medio Rural continúa co seguimento da incidencia da couza guatemalteca da pataca, cuxos datos de seguimento da presenza deste organismo nocivo na nosa comunidade amosan un avance na súa contención, previa á súa erradicación. En varias zonas demarcadas, en concreto 11 parroquias das provincias da Coruña e Lugo, non se detectou a presenza deste organismo durante dous anos consecutivos, o que fai posible o levantamento das medidas fitosanitarias de erradicación. Noutras zonas é preciso manter as medidas fitosanitarias vixentes ata que pasen dous anos dende a última captura.

Así o explica a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia na que se actualiza a zona demarcada pola Tecia solanivora Povolny (couza guatemalteca da pataca). Sinálanse as parroquias que se manteñen como zonas infestadas, as que pasan de zona infestada a zona tampón, as que permanecen nesta última demarcación e as que pasan a considerarse libres.

Deste xeito, continúan como zonas infestadas as seguintes parroquias da provincia da Coruña: Abegondo (Santaia), no concello de Abegondo; Cañás (Santa Baia) e Paleo (Santo Estevo), en Carral; e Maniños (San Salvador), en Fene. Ao tempo, pasan de zona infestada a zona tampón as parroquias de Cabanas (San Xián), Figueroa (San Miguel) e Sarandós (Santa María), en Abegondo; A Pedra (Santa María), en Cariño; e Barallobre (Santiago), en Fene.

Mantéñense como zona tampón as parroquias seguintes, todas elas da provincia da Coruña: Cerneda (San Salvador), Mabegondo (San Tirso), Meangos (Santiago) e Montouto (Santa Cristina), en Abegondo; Laraxe (San Mamede), en Cabanas; Vigo (Santa María), en Cambre; Quembre (San Pedro), Sergude (San Xián), Tabeaio (San Martiño) e Vigo (San Vicente), en Carral; As Encrobas (San Román), en Cerceda; Castelo (Santiago), en Culleredo; Limodre (Santa Eulalia), en Fene; e Franza (Santiago) e Piñeiro (San Xoán), en Mugardos.

Zonas libres

Pasan a considerarse zonas libres, na provincia da Coruña, as parroquias de Folgoso (Santa Dorotea) e Viós (San Salvador), en Abegondo; Cariño (San Bartolomeu), Landoi (Santiago) e Sismundi (Santo Estevo), en Cariño; Beira (Santa Mariña), en Carral; Régoa (Santa María), en Cedeira; Magalofes (San Xurxo) e Perlío (Santo Estevo), en Fene; e San Xurxo de Moeche (San Xurxo), en Moeche. E, na provincia de Lugo, a parroquia de Trabada (Santa María), no concello homónimo.

Ademais, nesta resolución pódese consultar o plan de situación da nova zona demarcada e a relación de parroquias das zonas infestada e tampón. Lémbranse, así mesmo, as medidas obrigatorias nas zonas demarcadas de couza guatemalteca.

Data de actualización: 28/01/2026