Rueda destaca un investimento de 10,6 M€ para levar cobertura móbil a 210 núcleos illados do rural galego nos que viven máis de 5.000 persoas

 Trátase dun proxecto pioneiro en Europa polo que se construíron 68 novas torres de telefonía que darán servizo a 55 concellos

Esta actuación, aprobada pola Comisión Europea, converteu a Galicia na primeira comunidade en contar cunha liña de axudas para ampliar a rede de telefonía

A ampliación da rede foi posible grazas á colaboración entre Xunta, Fegamp e Vodafone

Destaca que iniciativas deste tipo permiten “construír Galicia” e asegura que Galicia Calidade tamén é garantir “servizos básicos, como as telecomunicacións” en toda a comunidade

A Xunta leva anos reclamando ao Goberno central que a telefonía sexa recoñecida coma un servizo universal das telecomunicacións

Leiro (Ourense), 28 de xaneiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia levou a cabo nos últimos anos un proxecto pioneiro en Europa para ampliar a rede de telefonía móbil e dotar de cobertura e internet a 210 núcleos illados do rural nos que residen máis de 5.000 persoas. “Imos garantir o acceso aos servizos básicos ata onde permita a técnica e as telecomunicacións son hoxe en día un servizo fundamental”, indicou.

Durante unha visita a nova torre de telefonía instalada no concello ourensano de Leiro -que permite dar cobertura a 104 veciños dos núcleos de Paredes e Sá-, salientou o investimento de 10,6 millóns de euros para construír 68 torres en 48 concellos e executar a acometida eléctrica necesaria para achegar o servizo aos cidadáns. Unhas actuacións que mellorarán a cobertura nun total de 55 municipios galegos.

A extensión da rede de telefonía móbil en Galicia foi posible grazas a colaboración entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Vodafone España. En concreto, os concellos foron os encargados de ceder terreos para construír as torres e identificar os núcleos con problemas de cobertura; a entidade pública Retegal encargouse de habilitar as torres necesarias e Vodafone de dotar a rede de servizo.

O rural, un espazo de oportunidades

Esta iniciativa enmárcase na aposta da Xunta por consolidar o rural galego coma un espazo de oportunidades no que vivir, investir e traballar e garantir a igualdade no acceso aos servizos básicos en todo o territorio. “Isto é construír Galicia. Galicia Calidade tamén é ter servizos básicos en calquera sitio e garantir a igualdade entre os cidadáns”, indicou tras asegurar que a mellora das telecomunicacións permitirá asentar poboación no rural e aproveitar novas oportunidades como pode ser “atraer a nómadas dixitais”.

Nesta liña, Rueda lembrou que o Executivo autonómico leva anos reclamando ao Goberno central que a telefonía móbil sexa considerada un servizo universal das telecomunicacións.  Ante esta falta de recoñecemento polo Estado -que é quen ten as competencias nesta materia-, a Xunta optou por solicitar á Comisión Europea permiso para poder ampliar a rede de telefonía móbil na comunidade e solucionar os problemas que estaban a vivir moitos veciños de zonas máis illadas. A institución europea aprobou a solicitude para levar a cabo esta iniciativa e incorporouna como exemplo para o resto de Estados membros nas novas Directrices para axudas estatais de redes de banda larga que se aprobaron no 2023. Galicia foi a primeira comunidade en recibir unha liña de axudas europea para ampliar a súa rede de telefonía.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2026