O conselleiro de Emprego respondeu no Parlamento unha interpelación sobre o protocolo para a prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no SAF

A Xunta remarca que continúa traballando coa Fegamp e os axentes sociais no protocolo de prevención e actuación no Servizo de Axuda no Fogar

González explicou que se levou hoxe mesmo un segundo borrador á mesa de traballo creada para tal fin e que é documento aberto a aportacións a prol dunha ferramenta adaptada á realidade do SAF

Subliñou que para que a aplicación do protocolo sexa efectiva e para mantelo vivo e actualizado é esencial o compromiso dos prestadores do servizo, é dicir, dos concellos e das entidades ou empresas prestadoras do SAF

Avanzou que o Issga realizará campañas de sensibilización, concienciación ou asesoramento técnico para garantir o cumprimento do documento que identifica aspectos como factores de risco nesta actividade e as medidas de prevención

Tamén destacou o apoio autonómico á prestación deste servizo de competencia municipal, que subirá progresivamente nun 50% ata o 2028 tralo acordo de lexislatura acadado entre o Goberno galego e a Fegamp

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta continúa traballando coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e os axentes sociais implicados na elaboración do protocolo de prevención e actuación fronte a situacións de violencia ou agresións ás profesionais do Servizo de Axuda no Fogar —SAF—. Así o sinalou en resposta a unha interpelación sobre este tema na que subliñou que hoxe mesmo se presentou un segundo borrador do protocolo na mesa de traballo da Fegamp creada para a elaboración conxunta desta ferramenta e na que, ademais da Xunta e a Fegamp, participan organizacións sindicais e empresariais e o Colexio Oficial de Traballo Social.

Neste sentido, subliñou que o documento está aberto, xa que se basea na escoita activa e colaboración constante coas partes implicadas. Con elas estase a afondar nunha batería de medidas cunha verdadeira aplicabilidade e adaptada á realidade. De feito, aclarou, o protocolo ademais de identificar os factores de risco relacionados con esta actividade laboral e as medidas de prevención, tamén abarca o procedemento de actuación en todo caso e o circuíto de trámites, comunicación e accións fronte a estas situacións. O obxectivo, expuxo, é obter un documento resultado de todas as aportacións que se fixeron e se farán ata a súa publicación.

Compromiso esencial dos prestadores do servizo e apoio autonómico

En relación coa aplicación desta ferramenta, José González remarcou que “para que sexa efectiva e mantela viva e actualizada é esencial o compromiso dos prestadores do servizo; é dicir, dos concellos e das entidades ou empresas prestadoras do SAF”. Isto inclúe a súa incorporación no plan de prevención de cada unha das empresas, entre outras accións.

Ademais, adoptaranse distintas medidas para garantir o cumprimento e aplicación do protocolo. Entre elas, as campañas de sensibilización, concienciación ou o asesoramento técnico que realizará o Issga ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027. De feito, o seu plan de actuación para este ano, que se aprobará proximamente, incluirá unha nova campaña de promoción da prevención no SAF.

A isto súmase, engadiu, o acordo de lexislatura que se acadou por parte da Xunta —a través da Consellería de Política Social e Igualdade—  coa Fegamp, para o financiamento do SAF, que é de competencia municipal. Este acordo supón unha suba progresiva do 50% da achega autonómica para finais da lexislatura —ano 2028— a esta prestación.

Pasos dados

Ademais, José González deu conta do traballo realizado ata o momento. Recordou que o Goberno galego asumiu a elaboración do documento baixo a petición unánime da mesa de traballo impulsada pola Fegamp, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia —Issga— como órgano técnico asesor de prevención de riscos laborais. Así, o Issga elaborou un primeiro borrador, presentado no Consello da Xunta en outubro e remitido á Fegamp para realizar aportacións no marco da mesa de traballo. Isto deu lugar a varias reunións técnicas celebradas, tanto coa Fegamp como coas principais organizacións empresariais e sindicais galegas nas que xurdiron aportacións que se tiveron en conta realizando as pertinentes modificacións que deron lugar ao segundo borrador abordado na reunión de hoxe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/01/2026