A Xunta apoia a posta en marcha da aula interactiva e educativa Conxemar Lab
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na inauguración deste espazo que achega os produtos do mar á poboación infantil de entre 7 e 11 anos
No curso escolar completo, e con capacidade para 5.400 alumnos e 360 profesores, estas instalacións poden acoller o desenvolvemento de 180 clases
Vigo, 28 de xaneiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este mércores na inauguración do proxecto Conxemar Lab, a aula interactiva e educativa impulsada pola Asociación Española de Almacenistas Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar), e que contou coa colaboración da Xunta, a través do Grupo de Acción Local Participativo Ría de Vigo- A Guarda.
Unha acción que, en palabras da conselleira, revela a importancia dos GALP para o desenvolvemento das localidades costeiras. A este respecto, Villaverde destacou que este Grupo leva xestionados nas convocatorias 2023, 2024 e 2025, iniciativas que recibiron un investimento do seu departamento de máis de 2,3 millóns de euros.
Situado na sede da asociación viguesa, este novo espazo, está destinado a achegar os produtos do mar á poboación infantil de entre 7 e 11 anos. Con tecnoloxía interactiva e outras actividades lúdicas, ofrece un percorrido multisensorial para coñecer de forma directa como funcionan o mar, a pesca, a acuicultura, a transformación e a comercialización dos produtos que ofrece o litoral galego.
Estrutúrase en cinco áreas temáticas: zona envolvente, que inclúe unha proxección con efectos sonoros de ecosistemas mariños; maqueta interactiva, de carácter tridimensional con documentación audiovisual sobre a cadea de valor; consellos prácticos sobre consumo e nutrición, dotada con murais explicativos, figuras e imáns que ilustran hábitos saudables; recreación dun supermercado, que recolle unha escenografía dunha tenda de conxelados e produtos do mar; e taller de cociña, no que poder elaborar e degustar peixe e marisco conxelado. Precisamente, esta última actividade, é unha proposta pioneira no ámbito educativo, que busca posicionar o proxecto como un referente en Galicia na materia.
As previsións contemplan que estas instalacións poderán albergar 75 clases, 2.250 alumnos e 150 profesores nunha primeira fase de funcionamento, entre maio e xuño deste ano. No curso escolar completo, a cifra ascendería a 180 accións formativas, 5.400 escolares e 360 mestres.